Blog

WhatsApp Image 2019-07-01 at 12.13.39

Agora que temos algo máis de vagar para pensar no que nos gusta, para sermos críticas co mundo, doulle unha volta ás xornadas do Consello da Cultura sobre A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura, levadas a cabo o pasado luns 15 de Xuño en Santiago de Compostela e das que podedes atopar toda a información e vídeos de como se presentou e levou a cabo nesta ligazón.

Coido que o primeiro sería darlle grazas ás organizadoras e coordinadoras Olga Castro, Laura Liñares e Dolores Vilavedra por facelas posibles, por airear motivos de debate e incitar, sempre, á reflexión tecendo redes de contacto e coñecemento. Quizais, con máis iniciativas similares, sexamos quen de dominar ese concepto do networking tan valorado nas industrias e na mente empresarial, que a cultura, tamén, ten un tecido industrial que a sostén e debe erixirse posible desde a profesionalidade.

Dito isto, paso a tratar un dos temas que máis me sorprendeu, non por descoñecido, senón polo feito de podermos profundar nel e saber de primeira man novas, feitos que intuíamos, mais a razón pugnaba por considerar quimera. Alá imos…

    O 2 de Abril, o escritor e editor Francisco Castro, facía pública nas súas redes unha reflexión desde a Feira Internacional de Boloña. Dicía, que coma outros anos, a literatura galega estaba presente a través das editoras que a fan posible mais, a diferenza do pasado, esta presenza non se levaba a cabo de xeito coordinado coa Xunta de Galicia, vamos, que estaban alí porque elas decidiran estar alí, facerse presentes e defender os seus (nosos) produtos desde a convicción de que temos unha literatura de calidade. Isto último non o puña no seu artigo, pero é o que eu entendín, o de que estaban malia Xunta de Galicia si que o di claramente.

    Aproveitaba as redes para falar, e falarnos, que poucas outras veces tivemos esa información tan a man, da situación de literaturas similares, á nosa. É dicir, literaturas con pouca produción porque non hai demasiados falantes, literaturas de linguas cooficiais (enténdese que a literatura en español é literatura en lingua coofical, do galego, mais non é unha literatura de pouca produción porque falantes en español hai unha chea, e con todo, comparar a produción de literatura en galego coa de literatura en catalán non nos deixa en moi bo lugar, pero é obxectivo que hai máis habitantes no estado español que en Galicia ou Cataluña, xaora o número de falantes de castelán é máis numeroso que o de cataláns ou galegos). Dese seu artigo falando das literaturas en éuscaro, valenciano ou catalán, chamoume especialmente a atención a reflexión realizada sobre a lingua catalá. Di que ademais dos “grandes stands froito da súa potente facturación”, os cataláns, contan coa presenza do Institut Ramón Llul. Un stand enorme, di, “cheo de profesionais que falan varias linguas, que depende do goberno catalán e que ten como finalidade, entre outras, PROMOVER A TRADUCIÓN E INTERNACIONALIZACIÓN DA LITERATURA E DO ENSAIO FEITO EN CATALÁN. Traballan niso todo o ano. Teñen unha asignación importantísima de cartos da Generalitat e se pode dicir sen esaxerar, que fan un labor equivalente ao que o Instituto Cervantes fai polo español. A outro nivel. Pero con ese espírito.” 

Recomendo a visita da súa páxina web. Ademais de ter un deseño intuitivo, agradable e que favorece a navegación, salta á vista deseguida que O Institut é unha institución activa en redes, de xeito que as súas actividades na defensa da lingua e a cultura chegan de xeito rápido, continuo e fidedigno a toda a cidadanía, que se saben. Do que se sabe, pódese falar mellor. Outra cousa que chama vivamente a atención é a palabra máxica SUBVENCIONS (que ata se escribe case igual), e como dicía na sesión de tarde do 17 de Xuño Clive Boutle de Francis Boutle Publishers, “ao final quen manda son os cartos”. Alí a está, no menú principal de navegación, pública, visible, evidente. Se colocamos o cursor sobre ela, ábrese un submenú que mete medo, que mete medo porque case parece unha trampa, coma se calquera puidese gozar de información para pedir unha subvención no eido cultural sen ter que ser unha criptógrafa profesional da rede. Unha clica en SUBVENCIONS e obtén: música, artes escénicas, artes visuais, subtítulos de cinema/documentais, subtítulos de textos dramáticos, promoción literatura, tradución literaria, residencia de tradutores, literatura infantil e xuvenil, tradución de fragmentos, mobilidade de escritoras. 

Alguén, de mala conciencia, podería pensar, moi doado poñelo na web, pero pode non existir, pode simplemente ser unha oferta que fan sen base legal ou monetaria. E non, se probades e clicades, por exemplo na de axudas a tradución literaria, veredes que velaí están, claras e cristalinas, as condicións para pedir estas axudas nas que non se enriquece a autora a base de cartos do estado, senón que serven para promocionar a cultura dun país a través da exportación da súa produción cultural. De feito, a convocatoria de axudas á tradución para editoriais ou persoas físicas, realízase tres veces ao ano, e o compromiso é a publicación da obra antes de novembro do ano seguinte á convocatoria. 

De xeito similar, facemos unha procura en Google, porque en Galicia non temos un Institut que no lo dea todo feito (non me parece esaxerado ter unha plataforma máis intuitiva) para pescudar que opcións temos de axudas á tradución que impulsen a nosa cultura alén das fronteiras do país. Despois de que o algoritmo decida que cousas gusto de ver, a quinta entrada dos resultados está relacionada coa páxina web da sede virtual da Xunta de Galicia (as outras son de novas en prensa dixital que se fan eco da convocatoria). Hai unha anual, de finais de decembro a finais e xaneiro. Se buscamos a orde pertinente descubrimos que “A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €)”. Pode parecer moito pero non o é tanto, eu convido a que, por exemplo a través do portal de culturagalega.org se comparen estes orzamentos con outros dedicados a outros ámbitos dentro da nosa comunidade autónoma, que hai grandes profesionais elaborando reportaxes que ilustran con datos canto se dá en axudas e como se responde con elas. Eu, que gusto de ler, ofrezo unha comparativa: os orzamentos de bibliotecas mediáronse desde o 2012 ao 2018, velaquí teñen a ligazón da Xunta que o establece. En 2012 o orzamento para bibliotecas públicas era de 3409474 € en 2018 foi de 1636900 € (un 48.01 %, é dicir, por cada euro que a rede de bibliotecas recibía no 2012 –e pensen se o prezo dos tomates ou dos libros ou dos autobuses ou, que se eu, da AP-9! era o mesmo no 2012 que no 2018– no 2018 tiveron 0.48€ para realizar o mesmo traballo. O mesmo! Pensémolo cando queremos ir en vacacións á biblioteca e está pechada polas tardes, ou polo mediodía. Pensémolo cando queremos fondos de biblioteca. Pensémolo cando pedimos campañas de animación á lectura para crear cidadáns felices e críticos, pensémolo cando digamos “os libros son caros e non temos un lugar de onde sacalos gratis”, pensémolo cando nos queixemos de que na escola secundaria se mandan ler moitos libros e nas bibliotecas hai poucas copias, cando precisemos un lugar de traballo cómodo con wifi e mesas e cadeiras e non o teñamos, cando nos queixemos do mobiliario da biblioteca…etc… But I digress…). O caso, que se o comparamos co orzamento total de bibliotecas é un 12%, pero dese 12% (poñámolo en céntimos) de 100 euros que van para bibliotecas, a Xunta oferta (non ten porque dar a totalidade, pero oferta) 12 céntimos para a tradución. Para a tradución doutras obras ao galego (moi necesaria, porque o galego é unha lingua propia e nosa e total, de non ler a Alice Munro no seu inglés natal o mesmo me dá lelo en castelán que en galego, de feito temos grandes tradutoras á nosa lingua) van 7.2 céntimos e o resto, 4.8 céntimos van para traducir obras galegas en outras linguas. Esa é a nosa proxección institucional 4.8 céntimos de euro por cada euro gastado en bibliotecas. Pero non quedamos aí, isto é o que se ofrece, que non quere dicir que sexa o que se dá, porque solicitar estas axudas, como comentaba de novo  Clive Boutle, é unha epopea grazas ás trabas lingüísticas e burocráticas inventadas polo propio sistema.

Agora pensemos que deses 12 céntimos ofertados, non se dan todos. Pensemos que despois de que unha editorial galega teña artellado un proxecto, presentado con mostras, adquiridos os dereitos dunha obra noutra lingua e atopada a unha tradutora, recibe eses doce céntimos, ou o que precisen para darlle vía libre ao proxecto. Con todo o tempo que pasou, nesta convocatoria única entre decembro e xaneiro, eu, xa o lin en castelán, xa o merquei en castelán e unha ten oficio de apoiar a cultura e o tecido editorial galego pero non está para duplicar compras (sobre todo co prezo dos tomates no 2019, ou da AP-9!). Total, que resulta que en Cataluña tratan de sacar a un tempo o libro en castelán e en catalán porque moitas lectoras prefiren telo en catalán e gozalo e as lectoras entenden que a súa lingua e quen de artellar voces a todas as literaturas e nós temos un mercado potencial… de 7.2 céntimos de euro e non inmediato (díganlle vostedes a unha nena que para ler o próximo de Isadora Moon ten que agardar a que se convoquen as axudas, se resolvan e o traduzan, digan…).

E agora pensemos nos 12 céntimos que tiñan unha partida para traducir obras en galego a outros idiomas… pero mellor iso falémolo noutro momento, que hai moito que peneirar.