De que falo cando falo de escribir
Camilo Franco, hai anos, tardou unhas cantas horas (e posteriormente varios meses) en convencerme de que o único xeito de aprender a escribir é sentar a escribir. Con todo, existe en algúns e algunhas de nós unha necesidade de atopar os tarecos (ferramentas) para poder sentar a escribir e trabucarnos infinitamente ate a victoria final, a da creación da obra que, polo menos durante uns segundos, nos satisfai.
Despois xa podemos destruílo todo e empezar de novo. Escribir ten algo do ciclo das rochas polo tanto, e pode ser volcánico incluso, agora que está tanto de moda e, como o ano pasado eramos expertos en virus este ano podemos ser expertos en volcáns. Eu de volcáns só sei o que aprendín nas clases de xeoloxía do meu instituto (e tiven un gran profesor nos Maristas de Ourense, Alfredo) e da canción de Damien Rice.
Polo tanto, de escrita tiven que aprender escribindo e das ferramentas tiven que aprender en obradoiros de escritura impartidos por persoas autoras que moito admiro e a través de libros de texto, algúns excelentes, outros normaliños e uns cantos espectaculares. Tamén do cinema, e da arte. E sei que de todo sigo aprendendo, porque cando sento a escribir, sigo a trabucarme de xeito inconmesurado.
O meu kit básico, por se alguén lle serve, está sendo repartido estes días entre tres iniciativas. Unha de longa duración e dúas de cameo ou intervención estelar acompañada de persoas que saben moi ben do que falan e do que fan.
Imos, como diría Jack, por partes.
ESCRIBIR UNHA NOVELA
…No fondo eu querería dicir “escribir unha novela e molto faccile e divertente”… Pero só quedo coa parte de divertente, porque o resto non é doado, mais tampouco é imposible. O resto esixe traballo, diálogo, humor e sobre todo perder os medos a achegar as preguntas que nos producen ese bloqueo no que non somos quen de avanzar. O resto esixe sentarse a escribir e descubrir cales son os obstáculos que cadaquén ten para poder finalizar esa novela, o que fai que cando escribimos a novela enferme (este concepto tan ben acaído é de Francisco Castro) e perdamos o pulo ou a confianza en tirar cara adiante. O resto esixe desaprender como se fan as cousas, porque moitas veces temos asumido que escribir unha novela é emular a Stephen J. Cannell e disparar en repetición sobre unha Underwood arrancando folios e folios de novela finalizada ate o glorioso, extático e orgásmico punto final.
Pero escribir é moito máis un traballo que un volcán, malia que teña os seus momentos gloriosos, extáticos e orgásmicos e falte moitas veces da capacidade de deixar de revisar e engadir ese punto final.
Escribir unha novela é, entón, unha colección de 10 sesións de dúas horas coa seguinte estrutura na que desde a ESCOLA DE LETRAS da EDITORIAL GALAXIA e a Deputación de Pontevedra acompañamos a quince autorxas no seu camiño neste xénero. É pouco tempo, pero elxs son traballadorxs e teñen unhas ideas e unha paixón á par da súa falta de tempo para dedicar á escrita e esforzo para dedicar tempo á escrita, así que malo será que non teñamos unhas cantas novelas que levar á casa a final de ano.

QUEDEI SEN PAPEL
Obradoiro sobre escrita en medios dixitais de CAMILO FRANCO IGLESIAS (en colaboración coa AELG e o Concello de Pontevedra)

Teño a sorte de poder falar de Camilo Franco como persoa multidisciplinar e sobre todo como amigo. E podo dicir que é amigo pese a que tenta aprenderme conceptos importantes. Camilo Franco, na súa faceta de escritor neste caso, imparte un obradoiro innovador e achegado aos nosos días porque probablemente, como eu fago agora, o xeito máis directo de escribir e ser lido sexa a través de medios virtuais. Pasamos o día lendo en medios virtuais, lemos o xornal, o whatsapp, as entradas do facebook, ollamos a narrativa en imaxes do instagram, creamos chíos… Pensamos, cada vez máis, en termos relacionados con como a información chega a nós a través da vía dixital.
Neste caso fun convidada a co-dirixir unha das sesións do obradoiro e da que non podo falar moito de momento, pero agardo que nos dea algunha alegría e moitas risas (das boas, non das enlatadas)
CREADOR@S DO MUNDO QUE APAÑAMOS.
Obradoiro de escrita a cargo de Antía Yáñez.

Antía Yáñez leva unha carreira meteórica na escrita. É unha muller intelixente, creativa, produtora de textos marabillosos e unha gran comunicadora. Busca no cotiá e nas herdanzas do observado e do vivido as sementes da creación literaria. Desta volta, no obradoiro de escrita creativa amparado pola AELG, o Concello de Oleiros e a Deputación de A Coruña de seguro estará facendo felices e dando medios para contar grandes historias a un nutridísimo grupo de xente con inquedanzas culturais e literarias alén de seren lectorxs (que tamén é imprescindible para ser autor ou autora).
De novo estarei co-navegando con ela nunha sesión, e serán mares incertos, haberá treboadas e probablemente marchemos a casa en posesión da mítica chave inglesa do calibre 13-14. Ou todo o contrario. No fondo entre unha enxeñeira e unha física, con supoñer unha vaca esférica carente de rozamento xa temos medio camiño feito.