Publicado na revista Tempos novos 305. Outubro 2022.
Imaxe: Diego Seixo.
Finais do verán. Nunha terraza de bar catro mulleres toman algo, tres delas rondan os corenta, a cuarta podería ser a nai de calquera delas.
Muller 1: (amosándolle o móbil ao resto) Que vos parece este? Na rúa Rosalía, en pleno centro. Dúas habitacións, salón, cociña reformada, garaxe e ascensor, 650 máis gastos.
Muller 2: Non ten lavalouzas.
Muller 3: Nen tendal. Ou ten secadora?
Muller 2: Vaiche boa secadora por 650!
Nai: Por ese prezo era mellor mercar. E mellor sen hipoteca, cos aforros. A ver, canto pode valer o piso ise? 180 000?
Muller 1: Por aí… Atopei outro. Estudio 55m2, tamén no centro, 550.
Muller 3: Con recibos vaste a 700. E queda comer e a gasolina, non baixas dos 100 ao mes.
Muller 1: E se alugo unha habitación?
Nai: O que me faltaba por escoitar! Con corenta anos e vivindo coma estudiantes. Despois non me veñas con que non te avisei! Con que non te entendes, que non tes a túa intimidade, que non limpan… Dígoche que mellor é investir e pagar a hipoteca se fai falta. Que poden ser, 400?
Muller 2: Mira este, 600. Undécimo piso, sen garaxe, pero con vistas ao mar. Dúas habitacións, luminoso…
Muller 3: Podían polo menos ter pasado por IKEA. Unha colchiña xeitosa, unha estantería desas barateiras, un sofá que non fixese doer o cú só con miralo… Porque esa funda non engana a ninguén.
Muller 1: Xa podían si, tamén podían poñelos a bo prezo e mira como están.
Nai: (malia que non lle fan caso) Dígoche que hai xente da miña idade que ten eses aforros. Haina. Ou podes deixar esa idea de independizarte e quedar na casa. Mal non estás.
Muller 3: Pero estás decidida a mudarte entón?
Muller 1: (abafada) Si… son meus pais e quérolles ben pero… Non podo coa convivencia. Eles teñen as súas rutinas e eu quero liberdade. Que ao final todo é, nena onde vas, nena quen é, nena que comes, nena que pasou con aquel mozo teu que era tan xeitoso… E despois que xa teño idade para vivir soa, eles liscaron da casa de meus avós aos vintecinco e eu… E nós… que?
Muller 3: Nós vivimos outros tempos.
Muller 2: Os tempos precarios.
Muller 1: (farta de eufemismos) Os tempos de merda! Quen decide que catro paredes mal pintadas custan máis que un terzo dun soldo de funcionaria? Quen que só podemos alugar de setembro a xullo porque despois perden cos turistas? E nós onde imos vivir? Acampamos en Castrelos? Moita oferta cultural, moitos bares, moitos servizos a pé de rúa… A quen lle quedan cartos para pagalos?
Muller 2: Cústano porque non hai tantas, é a lei da oferta e a demanda.
Muller 1: A cona! Cústano pero non o valen.
Nai: … Eu se quixeras mercar preto de aquí aínda che axudaba…
Muller 3: Faltan luces. Vivir en Galicia coma quen vive en Manhattan!
Muller 1: Nena, que dis? É un undécimo, ten a hostia de luz!
Muller 3: Non, digo que aínda nos faltan luces para sermos coma Manhattan.
Calan e beben. Muller un agarímalle o pelo a Muller 3 que garda o móbil e lle sorrí á nai. Poñen a chaqueta, empeza a trabarlles na pel a viruxe do inverno.
“Pobre Esther! Precisaches media vida para descubrir que ata aos paxaros se lles cansan as ás. Ou se lles tronzan” Rastros. RVB.