O día en que o meu coche se uniu á revolta
Era de ser. A máquina leva actuando coma refuxio desde sempre. Desde aqueles tempos en que sacar o carné era un salvoconduto de autonomía e liberdade “non sexas coma nós”, dicían, “ti aprende a conducir, non dependas dun home para chegar onde queiras”. E así era. O automóbil favoreceu o lecer e o laburo e abrigounos na certeza de estarmos no único e verdadeiro estudio de gravación da época dourada de Detroit. Volume a tope, sol de verán, fiestras baixadas e a voz das Supremes ou a de Simone parella á nosa cacofonía disidente “I got my heart, I got my soul…”. Gasolina ou diesel, o cabalo de metal non distingue. É elemento de igualdade malia a cultura popular que as estatísticas das aseguradoras foron destruíndo a base de encarecer as pólizas dos peores condutores.