Publicado na revista Tempos novos . Abril 2024.
Imaxe de Diego Seixo.
Un día morre Akira Toriyama e case pensas: “xa está, isto está chegando ao límite do que podemos absorber coma postadolescentes eternos” e, sendo xaponés, tes en consdieración se terá momentos de se aparecer en forma de paxaro, e se terá querenza por este pequeno país no que Arale e Son-Goku significaron tanto. Se velará por nós.
Pénsalo e despois decátaste de que estás en abril e que neste mes morreu Shakespeare e seica hai que festexar o libro e a lectura e unha non deixa de se sentir un tanto náufraga, coma no día das letras galegas, ao sentir que durante unha única xornada todas e todos seremos lectores. Ao saber que por moito que mires ao teu carón, aquí non está Venres e ninguén o espera, porque no fondo está mellor visto ir ao ximnasio catro veces á semana que levar un libro ao ximnasio catro veces por semana. Xa o dicía alguén no IG, se cando lemos se nos notase no físico a mellora intelectual as bibliotecas estarían cheas de persoas mirándose en espellos. Porén, a lectura vai por dentro, nin a sacamos moito a pasear nestes tempos.
Ler, saber ler, é a esencia da revolución, a seguridade de que tanto os prospectos das menciñas como os contratos de arrendamentos serían comprendidos por todas e todos.
As bólas do dragón foron a esencia da esperanza. Como non querer ter a oportunidade de pedir o que se desexase? O que fose. Si, unhas bragas tamén.
As crianzas agora descobren a Dragon Ball nas baldas das librerías e das bibliotecas escolares, o último reduto de pensamento libre nos insitutos (hai outros pero a biblioteca aínda ten trazas de templo sen censura). Fano así e tamén a través do audiovisual pero cando falan coa xeración que vivimos na TVG atopan un valado na comunicación, nomeadamente porque no medio da paixón que decide que combate ou que técnica será mellor na nosa lembranza e no seu coñecemento a barreira idiomática aniquilia a unión a través do vínculo sentimental. “Maestro Duende”? Quen é ese tal “Maestro Duende”? Mutenroi pasa de ser Morris a se converter no gnomo de Amelie na imaxinación de quen leva máis anos neste país, e iso, é imperdonable. Iso sementa o desentendemento entre as xeracións e calquera rapaz ou rapaza deste país sería feliz vendo Dragon Ball en galego, unha quimera se temos en conta a ausencia da nosa lingua en todas as re-edicións dixitais do anime.
Ler debería ser o medio de comunicación non adulterado que nos une, que produce pracer e deita as bases de ser ferramenta para despois comprender a información. Información por exemplo relativa ao ataque dunha nova celulosa que ameaza o corazón do país. A través da lectura contrastada chega o coñecemento da sobre-explotación dos campos eólicos.
Ler é o noso kame-hame-ha e ler en galego para falar en galego era unha batalla conquistada, así o cremos na revolución contra as nais e pais sabedores, vivindo naquel mundo de cores e nenas fortísimas que podían definir, desde un país tan ao lonxe, a nosa identidade.
Ler en galego e escoller o galego para vivir é hoxe a opción minoritaria na sociedade, é a que fai que nos ollemos no espello e sexamos unha mancha de tinta, un kanji sen definir, unha sorte de oni feito de petróleo e falto de esquelete no que se erguer forte cara os desafíos deste país que nunca deixa de loitar contra muíños.
Ler é tan perigoso que o inimigo non quere que leas, mais para que non teñas medo das súas intencións, deixa que por un día teñas unhas bragas novas.