Xoguetes-Gaza-redes-1083833

Publicado na revista Tempos novos . Decembro 2023.

Imaxe de Diego Seixo.

O pobo elixido, o pobo da luz. O pobo de Yaveh ese deus cruel do Antigo Testamento, ese. O pobo das travesías polo deserto durante corenta anos alimentándose de maná. O pobo que habita as mellores prazas de medicina do Monte Sinaí, que non é un Monte. O pobo que protagoniza esa serie tan xeitosa que deu aqueles guionistas tan afamados, descendentes de banqueiros e contables. O pobo elixido, o pobo da luz. Fágase a luz, e a luz (des)fíxose.

O Mesías na franxa de Gaza non está nin se lle espera, por moito que Vigo refulxa coa harmonía da electrónica dos diodos de cores e por estes lares observamos con toda a impotencia do pobo que elixe os gobernantes que seica os representan. Poder popular, manifestacións por escrito, pola voz, polas redes… Impotencia popular e ríos de tinta a tentar explicar como poden morrer dez mil persoas, que é medio Moaña, e que non pase nada. Son moitísimas. Fagan a proba de eliminar da súa lista de whatsapp a metade dos contactos. Fagan así: un si e un non, porque a morte non escolle, tócache e xa. A ofensiva israelí non ten un obxectivo nominal, vai a todo, a por todas e todos. Un si e un non. Conten quen van perdendo malia que perder, perdemos todas.

Non é a primeira vez. Debe ser que o pobo Israelí está afeito a vivir das substancias que se manifestan solidificando néboa que despois dos primeiros ataques, e como se recolleu no número anterior de Tempos Novos, dos 450 camións de axuda humanitaria que adoitan chegar á poboación palestina só permitiu a entrada de menos dun cento. Como aquí unha está por axudar a comprender a magnitude matemática do asunto vaian á cociña e tiren tres cuartos do que teñan para comer, e agora repartan. Tamén se opuxeron xunto con EEUU a unha “tregua humanitaria” que para estar falando do pobo da luz, do elixido, do que construiu a Arca pouca proba nos dan de seren humanitarios por moito que sexan os favoritos do profe… Claro, é que estamos a falar do Vello Testamento. Aquí sobrevive o máis forte, o que ten madeira, armas, animais a pares (hurra, hurra), o que se blindou contra as sete pragas de Exipto, o que mandou queimar cidades e prohibiulle a quen saise delas mirar atrás… É que o que teñen é moito marketing e pouco se fala do de sacrificar primoxénitos ou de andarlle facendo caso ao que dita un lume prendido nunhas silveiras. 

É o asalto do duro e as cinco pesetas. Israel merca armas coma se se estivesen a preparar a defensa dun ataque alieníxena, emborca a acción sobre Gaza e responsabiliza ás milicias do propio país de telos contra o muro (sen lamentacións). Dirían certos alcades da nosa contorna que é unha win-win situation. Na procura de que? Do exterminio? da erradicación da identidade? De que non se esqueza a Nakba do 48 e os pesadelos dos maiores poidan ser experimentados na carne dos descendentes? 

Gaza leva sendo un nome no parte desde que temos consciencia, e do mesmo xeito que teimamos en pedir pola concentración parcelaria temos berrado pola xustiza en Palestina, non pola man, polo diálogo. O pobo da luz alumea brazos de escolares tatuados por se morren, por se hai que mirar quen son. E namentres nin Mesías, nin xustiza, nin vox populi, nin nada.