Publicado na revista Tempos novos . Novembro 2023.
Imaxe de Diego Seixo.
En 1917 o axedrecista normando Marcel Duchamp mercou un urinario e asinouno baixo o lema R. Mutt. Pagou os 2 dólares da inscrición e presentouno para ser exposto coma obra na Sociedade de Artistas Independentes de Nova York. Os feitos recollen que a obra foi sometida a debate polos organizadores, entre os que estaba o propio Marcel, e finalmente non foi aceptada. Con todo, a día de hoxe, recoñecemos A Fonte coma unha das súas obras. Nas palabras do artista: “tireilles o urinario á cara e agora admírano pola súa beleza estética”.
Quen anos despois foi identificado como o pai dos ready-mades, esa teoría que nos di que se pode crear arte a partir de obxectos xa confeccionados,e coñecido dadaísta medrara nunha pequena aldea francesa. O seu propio pai fora notario e exercera como alcalde e o seu avó materno (por aquí aparece unha referencia a unha muller poden escandalizarse) de xubilado dedicárase ao gravado e á pintura, chegando a expor na Exposición Universal de París de 1978. Tamén é relevante para o discurso da nosa historia que a distancia desde Blainville-Crevon a París é de 119 quilómetros. De querer ir á cidade poderíamos facelo nun día andando ou en sete horas en bicicleta no século XVIII, e hoxe en día precisaríamos practicamente dúas horas para chegar en automóbil propio ou transporte público. Practicamente o mesmo que nos levaría chegar de Ourense a Madrid en AVE.
Se tivésemos unha axedrecista na casa, ou simplemente alguén que se interesase polos urinarios despois de ter pasado por unha escola pública de calidade que lle abrise as portas e a mente á arte, atoparíamonos no obstante co seguinte problema de física clásica de cuarto da ESO:
“Marcela vive no Carballiño. Seu pai e súa nai levan aturando que a rapaza faga retratos familiares cos produtos da horta na mesa do salón uns doce anos. Por iso é que armada co carné xove e google maps decide visitar os centros culturais do país, na procura de coñecemento e de mulleres artistas de referencia. Calcúlese o tempo mínimo que ten que adicar a este labor”.
Se non lembran as virtudes que relacionan o espazo e o tempo nun problema newtoniano non desesperen, doulles unha resposta cuantitativa: unha barbaridade, acábaselle antes a ansia da arte que chegar ao Museo de Pontevedra e volta no día. O caso é que nos dirán que o problema é que Marcela ao final vive no rural, e no rural as cousas non funcionan e haberá que deixalo e vivir nas cidades, onde hai servizos, onde se pode enfermar e hai un hospital, onde chega o alcantarillado a todos os edificios. Claro que Marcela non vai ter un espazo onde traballar a súa arte, nin horta, nin moitas vantaxes que ten hoxe. E ao final, tarda menos en visitar a National Gallery online, que en chegar ao MARCO. Claro que na National non temos artistas galegas e no MARCO… imos deixalo aquí para a reflexión.
Hai quen segue empeñado en dicirnos que cando Duchamp moveu peza o que quería dicir é que “todo vale” na arte, e non era esa a comanda. Nin na arte, nin na política. Duchamp tiña un pai notario e alcalde, e non é tanto a distancia entre dous puntos coma a situación na conta bancaria a que permite que medremos como persoas e como sociedade. E iso é un fracaso radical dos nosos gobernantes.