Blog

XL MITCFC

Fóra de programa: crónica anárquica vinculante da XL Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. 2023.

Imaxes Diego Seixo.

FOMO

Compañía: Isabel Blanco

Procedencia: Universal, legado do feminismo.

Dirección: Designios do logos

Autoría: Única

Destinado a: librepensadoras

Presentación: 2023

Duración: ate que o corpo aguante e a Nivea persista nas baldas dos supermercados.

Cada vez volvíase máis nervioso e inquedo, porque acontecía unha cousa curiosa: de todo o tempo que aforraba non lle quedaba nunca nada

Momo e FOMO só distan unha letra, a segunda. Fear of missing out, o medo a estar perdéndonos algo importante, un de tantos transtornos do noso tempo.

Pasados case tres anos desde os primeiros avisos da pandemia retomo con máis asiduidade o costume de escribir en bares. En Compostela a choiva cae coa forza do Monzón repenicando nos teitos de cristal do centro comercial. A meirande parte das habitantes desta cosmogonía son mulleres e ningunha podería tocar o cúmio por moito que vivamos entre a ilusión de escaleiras mecánicas e os ascensores de certa transparencia cara a maquinaria. As mulleres estamos convidadas a subir ate o ceo pero no camiño sempre pasa algo, coma cando o rexional Ourense-Compostela paraba en A Susana, e alí líamos todos os libros pendentes na espera de poder chegar á universidade para a hora da cea. Nunca tal se deu.

Aquí no templo do capitalismo prêt-à-porter non se escoita o bruído do mar. Os azuis e o turquesa fican na memoria, e os tecidos de verán frescos, liviáns, idénticos aos de hai dez anos, compiten por imitar a súa autenticidade desde os escapartes das grandes empresas. Como as boas mentiras agochan a realidade de seren un único ser baixo a apariencia dunha besta de cen cabezas, o anticíclope, a hidra emponzoñada. A.O. e asociados. Nos poucos bares do labirinto as Ariadnas aínda agardamos pola traizón dun Perseo, sabendo con exactitude onde se agacha o Minotauro. E o caso é que, fiando o novelo por se fose preciso, estes lugares tamén son o agochadoiro da resistencia última do galego. As persoas que nos sábados centran os seus esforzos en se desprazaren á cidade para realizar as compras no ventre destas baleas onde non é preciso perder o tempo intercambian vida en galego “ao natural”. E ante a absurda eficiencia da concatenación mercar-pagar-vagar-mercar-pagar-vagar-sentar-mercar-pagar… a psique humana revélase obrigándonos a consultar o móbil trinta veces por hora para que o tempo non se esfume entre as fendas de soidade e baleiro que enchen as nosas ánimas. 

Nos centros comerciais non hai librerías en xeral. Se as hai adoitan ser idénticas a outras. Pequenos clons de grandes superficies en que a intención libreira se perde na procura económica. Porén riadas de lectorxs acoden e perden a mañá entre mirar o móbil e mirar o xénero, conscientes de que ninguén lles está a obrigar a consumir pero dispostxs a se dar un pequeno capricho porque o merecen, porque o viron anunciado, por aforrar unha viaxe que no fondo é mellor mercar un par de chuvasqueiros máis de paso que pagamos os bikinis, que en Galicia nunca se sabe. 

Nos centros comerciais tampouco hai teatros.

Nos teatros hai de todo. Nos teatros tamén hai de todo en galego. Incluso hai de todo en galego e do comercio local. Nos teatros ate as mulleres poden habitar sobre o teito de cristal, entón entendemos que fóra do teatro o teito é lama e o chan é lava e saltar de pedra en pedra é o único camiño cara adiante ate que vén alguén coma Isabel Blanco e bota asfalto sobre o perigo.

Blanco habita librerías e xulgados coa naturalidade coa que eu habito mesas baixo cuncas de café. Ten un ollar honesto, alguén diría que inquisitivo, pero esas persoas son as que temen que Isabel Blanco emita unha opinión sobre elas propias, esas persoas teñen algo que esconder. Blanco destapa verdades incómodas nas súas palabras, no xeito de se acomodar na cadeira, no sorriso a media carga segundo tira da lapela da súa chaqueta de traxe. Na súa voz modelada certeira e coa cadencia xusta de quen hai tempo fixo migas coa ironía e agora xa vén de volta da lírica e do buenrollismo explica o mundo, explica a razón de ser, a razón de seguir, a razón de loitar, de reivindicar, de empregar a literatura na política. Ao seu carón María Armesto sabe que nas rúas de Cangas están a salvo do Monzón, o día é solleiro e quen estamos lonxe arrepentímonos das nosas faltas e desexamos duplicarnos, estar, poder chegar, actuar, escoitar, ser testemuñas dun acto de conservación da palabra e concepción do porvir a través dese libro de relatos que desafía todos e cada un dos engranaxes do ascensor transparente. Bambú, ese son do vento a zoar entre os tallos da planta nos solpores estivais en que todavía había silencio, en que todavía o mundo tiña un terreo para conquistar, en que pasadas as idades e reflectidos os anos nas engurras das mans aínda existe un terreo por recuperar, e quedan forzas, e razóns, e motivos.

E os pequenos comentarios da autora nos momentos nos que decae o ánimo. Esas pílulas satíricas, eses aforismos inconmensurables.

Fóra do centro comercial, moi fóra, o sol quenta aquelas pedras das casas tradicionais dos mariñeiros e pasado Manolo Mañanitas e as ansias dun viño e unha tapa xeitosa existe unha librería. Quen entra nela debería abandonar toda esperanza. Porque en entre en Wells perderá os cartos do brócoli, do chuvasqueiro por se fai falta, do bikini, as ganancias a maiores para un tal A. O… Quen atravesa o umbral da loxa de libros quedará prendada coa exquisita selección, non dominada polo éxito da crítica e público, polo coidado trato, polo espazo de luz e harmonía onde quedar a vivir nun instante discontínuo onde o presente se pode estirar coma quen estende a masa da empanada co rodillo e a percorre na xema dos dedos, gorentándose nesa rugosidade da fariña seca a tropezar co elemento de alta viscosidade. Casilda Alfaro aprópiase da voz do vento entre as dunas, entre os campos de bambú. Silda acolle o convite da escritora e vistese de verbas, de consignas, de significado. 

Fóra do centro comercial, moi fóra, non chove, as mulleres poden chegar a onde elas queiran, e Inditex non exerce o seu dominio. Alí, preto do mar, hai unha librería que non imita ningunha cadea, e dentro unha voz autoral de muller. Fóra do centro comercial, moi fóra, Silda Alfaro é un teatro, obra o milagre de converter a súa carne en proscenio, atrezzo e actriz a un tempo. Le. Interpreta. A actriz é celme do teatro e como tal pode sentenciar deter o tempo.