XL MITCFC

Fóra de programa: crónica anárquica vinculante da XL Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. 2023.

Imaxes Diego Seixo.

  • Compañía: Assircópatas
  • Procedencia: Galicia
  • Dirección: Dani Blanco e Jesús Graña
  • Autoría: Dani Blanco e Jesús Graña
  • Destinado a: Público familiar
  • Presentación: 2006
  • Duración: 50′

Alguén dicía que facerse adulta era recoñecer que nunca máis pasaría un día sen ter a sensación de que todo se estaba escapando das nosas mans, de que mantemos o equilibrio adiando esferas a lugares de equilibrio condenado ao fracaso mentres termamos do que temos máis preto. Que non paramos endexamais. Que non temos tantas mans para tantos atafegos. Que a romaría rematou co día pero aquí, as que quedamos a recoller e fregar, temos aínda unha cantidade de louza por lavar inconmensurable e cando rematamos o labor, aínda chega outro balde coas copas do licor e os minúsculos pratos de postre onde se presionou coa xema dos dedos contra o azucre que perderon as derradeiras rosquillas da cesta da mamá.

Assircópatas falan do circo coma falan da vida, falan do vermello e o branco na alegoría aos espectáculos que de pequenas ollabamos (e de non tan pequenas que para algo aínda mantemos os deuvedés e mais filmin) en branco e negro. Falan da música que fixo agromar sentimentos complexos nas nosas consciencias: aquela tan viva de Rafaella Carrá, que foi tendencia na infancia, pasou por ser brincadeira hortera na adolescencia e acabou por protagonizar todas as festas desde a universidade; aquela tan cañí que foi sinónimo de non poder empregar a televisión nas tardes de sábado de chuvia e ter que se refuxiar na lectura, no funambulismo da pintura cos auriculares enchufados ao aparello de música e o volume moi alto, facendo que Morrisey deitase sentenzas de amor e morte nos beizos de Florinda Chico e unha Carmen Sevilla coa cintura máis fina que Mina Harker. 

A proposta lembra a aqueles sketches de Buster Keaton que nos parecerían marabillosos pero aos que lle botaríamos en falta a cor das pantallas en cinemascope, para despois aprender que o mundo en branco e negro ten moitos máis matices e moitísima máis beleza. Desde o clown e o circo, encetan unha historia de rebelión e de personaxes que, no fondo, non queren ser heroes, pero vense obrigados a selo polas circunstancias. E as devanditas circumstancias acaban pasando pola “cancelación” da obra programada, evento que fai que as espectadoras finxamos decepción, pois daquela xa quixemos entrar no xogo. Eles, que saben da narrativa, toman a iniciativa e loitan a través desta linguaxe escénica para demostrarnos quen pode acadar máis facendo menos, quen leva toda a boa sorte do azar, quen artella os mellores plans de vinganza, quen, por moito que o tente, non ten a agudeza de acometer un acto de reivindicación que saia a dereitas… Amósannos que facer malabares con tres bólas parece doado, que facelo con cinco bólas e catro mans nunha coreografía desas que fai sorrir ate ao tipo máis duro, dos máis duros deste lado do Pontillón é unha afouteza de complicidade íntima coas espectadoras. Amósannos que beber un grolo de viño ten as súas dificultades e que os efectos do alcol agudizan a maldade do espíritu. Amósannos que os diábolos poden ser armas e poden ser instrumentos de danza e beleza, de extrema dificultade e harmonía, de propiedades máxicas capaces de desafiar as leis da física ante a vontade de quen os guía coas mans.

Assircópatas recuperan a figura do transistor, lembramos e explicamos, mentres as sintonaís musicas se alternan con alegatos a favor da vida da comunidade, en contra dese encapsulamento das mentes dentro da máquina artellada por un capitalismo imparábel. Disco dos setenta e pasodobles dos setenta, os medios transformados para transformar a mensaxe e un último acto de anarquía na escena final despois dun número de mazas afouto e espectacular: a nosa identidade non vén determinada polo lugar que nos deron, nós somos donas do cambio a prol da xustiza social e da camaradería, independentemente de quen fósemos no pasado. Por moi ruíns que fosen os nosos plans e desatinadas as nosas accións, sempre hai vontade de redención.

Elas son máis optimistas ca min, pero cada vez que as lembro sementan esperanza.