Blog

353456258_1286789858756247_7445317928998448733_n

Entrevista realizada para o número de setembro de 2023 da revista TEMPOS NOVOS.

Imaxes de Diego Seixo.

Cangas, 9 de Xulio de 2023. Casa Porrón.

Amelia recólleme na porta do hotel. Acaba de aproveitar unha hora libre para ir á praia, dime que desde hai uns anos prefire non perderse nada, se ten un momento para facer algo faino, non deixa atrás as experiencias por medo a que o tempo non sexa de abondo. Escollemos logo unha mesa na terraza de Casa Porrón para compartir o diálogo. A estas horas estamos practicamente soas mais segundo se vai enchendo o local é imposible non advertir a sorpresa nas olladas das xentes que toman o vermú e escoitan o discurso poderoso de Tiganus, elegante entre a narración da cruda realidade mais fuxindo as súas verbas do relato baseado na carnaza.

Es unha persoa que coida moito o emprego da linguaxe e fala desde a honestidade. Somos moitas as que dixemos “nin machismo nin feminismo, eu igualdade” antes de saber que significaba verdadeiramente o feminismo, algo que ti contas no libro que tamén che aconteceu. ¿Que relevancia ten este acto da palabra precisa no teu discurso?

O emprego do vocabulario preciso é importantísimo para min. Por exemplo onte na conferencia xa falabamos de que os homes que pagan por ter relacións sexuais non desexadas nin consentidas con mulleres non son clientes, polo que teñen que ter outro nome, ese nome é putero. Non é un cliente dun servizo. Coido que o tema da honestidade, de non ocultar, de non mentir vén un pouco co meu carácter. Sempre me chamaron soberbia, que ten unha carga pexoractiva nas mulleres. As mulleres non podemos querer saber, querer preguntar, non podemos explicar aquilo que sabemos. No momento en que eu saio do prostíbulo tomo a decisión de seguir sendo como son e non mentir, non inventar unha vida. Eu nunca ía dicir que estivera, por exemplo, limpado casas. Sempre que saía o tema ou que tiña a oportunidade de falar disto recoñecía que estivera na prostitución. E neste punto da miña vida non me identificaba como vítima porque tiña a crenza de que eu era responsable, que eu o buscara. Non tiña palabras para nomear como me sentía pero cando tentaba buscar as verbas para falar do desagradable e violento que é a prostitución atopábame cunha sociedade que me daba unha palmadiña nas costas e me dicía “xa está, xa pasou” e isto xerábame moitísimo conflito interno e moitísima violencia. Despois de sete anos, aos trinta, descubrín o feminismo e abriuse ante min un mundo que explicaba a miña experiencia persoal e á vez a convertía nunha experiencia política. Grazas ao feminismo fun adquirindo ferramentas e moitísimo vocabulario que daban unha explicación a todas as preguntas que eu me fora facendo ao longo da miña vida. Poder nomear a miña realidade fixo que me afastase da culpa, do medo ou da vergoña e á vez todo ese coñecemento xeraba moitísimo conflito moral en min porque eu estaba ben na miña vida pero vía que as estradas seguían colonizadas por puticlubs, que nos medios de comunicación o discurso cara as putas estaba cargado de xenreira e nese momento tomo a decisión de dar a cara. 

Por suposto tiven o apoio do meu marido, que foi importantísimo. Son unha muller forte e formada pero tamén teño que dicir que son o que son porque a miña casa é un lugar seguro, é un lugar onde me queren, me coidan e me admiran. Oxalá todas as mulleres neste mundo vivisen así.

Esta relación afectiva non-tóxica supoño que tamén ten un papel relevante no momento en que realizas os obradoiros coas persoas mozas…

Si, cando fago obradoiros coas rapazas fálolles de Miguel Ángel, de meu marido, de como é a nosa relación e dígolles que non se conformen con menos porque é o que nos merecemos todas as mulleres, homes que sexan compañeiros. O meu marido non é machista, el nunca tivo medo a estar con ningunha muller e oxalá a sociedade mudase cara esta situación de igualdade.

Falando deste tema, ¿cal é a túa opinión arredor da promulgación das novas masculinidades?

Eu tento non ser moi dura coas novas masculinidades porque entendo que moitas veces do que se trata é dunha estratexia comunicativa para chegar aos homes, para ofrecérlleles a oportunidade de ir á raíz e comprender como se lles ten esixido por activa e por pasiva que se convirtan nun tipo específico de home, iso de ser un home de verdade. Como a min me gusta tanto a linguaxe e estudar a evolución social, económica e política destes sete mil anos de patriarcado sei que é inxusto falar de novas masculinidades cando o que estamos propoñendo desde o feminismo radical e abolir a masculinidade e a feminidade e ser persoas que conviven e que nos apoiamos e nos coidamos. E porque chamarlles novas masculinidades tamén invisibiliza a ese grupo de homes que pese a estar coma nós vivindo dentro do patriarcado négaronse a adoptar ese molde de home de verdade, negáronse a exercer esa violencia sobre as mulleres e a consideralas coma un ben ou coma inferiores. Estes homes existiron pero foron profundamente detestados e castigados polos homes que preferían protexer o modelo patriarcal. 

Por outra banda a creación dunha nova masculinidade non quere dicir a creación dunha masculinidade mellor cando estamos falando dunha nova masculinidade profundamente liberal, individualista e mercantilista. Non é mellor só por ser nova. De aí xorde a miña crítica, pero tamén entendo que é un medio para conseguir chegar ao discurso dos homes que sempre se sinten como máis reticentes a escoitarnos. Por exemplo nas charlas que defenden a prostitución máis da metade dos asistentes adoitan ser homes, porén nas charlas abolicionistas a veces preguntamos como chiscadelas se os poucos que alí acuden foron obrigados a asistir polas súas parellas. En realidade eu o que espero deses homes que xa desde o principio son feministas é que se sintan interpelados a se enfrontar cos que si que exercen violencias contra as mulleres, que non se enfronten contra as activistas que denunciamos estas situacións demandando que eles tamén existen e que nos respectan na igualdade senón que se unan á loita por unha sociedade feminista identificando quen son os que realmente está poñendo as barreiras por acción ou omisión.

Amelia Tiganus dando a súa conferencia nas xornadas Mulleres en Acción en Cangas na MITCFC
Amelia Tiganus dando a súa conferencia nas xornadas Mulleres en Acción en Cangas na MITCFC

¿Ata que punto crees que desde a nosa sociedade branqueamos, por acción ou omisión como ti dis, esta forma de crime organizado que supón a explotación sexual das mulleres?

Eu loito contra o crime organizado, son moi consciente. Hai moita xente que ve que viaxo por todos lados dando aulas ou charlas de concienciación pero non sabe que teño recibido amenazas de todo tipo e agradezo que tantas persoas teñades a ollada posta en min porque coido que a ningún deles lle interesaría converterme nunha mártir da loita abolicionista agora que tanta xente me sigue e escoita o que teño que dicir. 

En canto ao branqueamento da explotación sexual pola sociedade si que é certo que, por exemplo, todos os homes teñen o seu chat de amigos en que comparten videos, imaxes, memes de mulleres sendo degradadas sexualmente e a xente considera que iso é un chiste. Pero non o é. Se por exemplo esta mesma situación se repetise con, por exemplo, persoas negras sendo violentadas, sufrindo violencia, a percepción sería totalmente distinta así que por moito que se repita e que se tente normalizar ese tipo de actitudes non son bromas, non son chistes, é violento e é inxusto. Parece ser que a realidade das mulleres sempre ten unha doble lectura, así decatámonos do normalizada que está a violencia contra as mulleres. Tanto que algo que é claramente violento e nos decatamos de que o é se cambiamos o suxeito semella non selo cando as protagonistas da afrenta son mulleres. Agredir ás mulleres acaba converténdose en diversión neses chats. 

Desde o punto de vista da divulgación, da educación da sociedade, ti realizas charlas con adolescentes pero ¿como lle explicarías o que é un prostíbulo a ese grupo de idade que se move entre a nenez e a adolescencia?

É importante preservar a infancia, pero tamén sabemos que é imposible que coa facilidade coa que se identifica os prostíbulos que aparecen nas estradas é imposible que non lle chamen a atención á rapazada. Unha explicación demasiado madura podería afectar esa visión do mundo ao que teñen dereito como nenos e nenas e a destrucción desa inocencia e a imposición de medrar antes de tempo tamén é unha forma de violencia. Coido que para unha persoa de 8,9,10 anos que quixese saber que é un prostíbulo eu diríalle que é un lugar en que os poderosos e os responsables permiten que se utilicen a mulleres e a nenas e onde os homes tratan moi mal ás mulleres. Por iso imos ás manifestacións e por iso tamén hai mulleres activistas que loitan para cambialo.

Para rematar con un punto optimista e persoal, cando pensas no autocoidado, ¿que é o que máis se repite nas túas rutinas?

 Pois gústame moito a soidade, elíxoa. Preciso estar conmigo propia e poder pensar. Gústame ir á praia, ir ao teatro, bailar en casa…Sobre todo lendo é cando máis gozo, adoro a liberdade que outorgan os bos libros. E cando estou con xente o que me gustan son as reunións máis persoais, saír a bailar coas amigas, os recitais de poesía ou os concertos. Gústame moitísimo todo o que está ligado á arte e á cultura, que nos alimenta o coñecemento pero que tamén nos remove as emocións. Gozo moito da música clásica, a última peza que á que asistín foi Madame Butterfly e empaticei unha barbaridade coa historia, sobre todo no segundo acto cando empeza o coro, toda esa tristeza, esa esperanza da protagonista de que o home vai volver e vai actuar con responsabilidade emocionoume e conectoume con ela dun xeito moi especial. 

Vouche contar a miña fantasía máis profunda, a min encantaríame vivir un amor como o de Emilia Pardo Barzán  por esas cartas de amor de Galdós. Ter un amor, malia que fose platónico, por carta, que se basease na intelectualidade e na paixón da admiración, na construcción do desexo desde o pensamento, iso encantaríame.