Blog

AS QUE ENSINAN-REDES-1073254

Publicado na revista Tempos novos 33. Xuño 2023.

Imaxe de Diego Seixo.

Limpia, puta. 

Así empeza o relato das integrantes d’A PANADERÍA ao seu paso polo festival solidario de Santa Lucía de Tirajana (Gran Canaria). Así narran como dá comezo a súa función ante un público de 600 estudantes de instituto. Durante os 90 minutos que dura a obra interpretan “As que limpan” (galardoada recentemente con catro premios María Casares) entre silbidos, insultos, risos burlóns e ameazas. De volta na casa a compañía decide publicar a súa experiencia en redes. Os comentarios de apoio aparecen deseguida. Insístese na valentía delas, na mala educación do público, na gravidade da situación , na necesidade de facer algo, o que sexa, no medo que deberon pasar, na afouteza ao seguir adiante e, sobre todo, na importancia de levar ao público mozo este tipo de cultura que conta o feminismo.

E non se fixo nada? Pregunta alguén polo fondo sur. E non dixeron nada os profesores? Engade outro. Ou as profesoras. Porque sendo unha función para alumnado irían acompañados de persoal docente. Pois aquí vén o bo, o que acontece a diario nas aulas mais semella non ser obvio así que apunten con atención: a maoiría das veces en que observamos un comportamento disruptivo nun grupo de mozas e mozos nunha actividade extraescolar, é porque na actividade escolar tamén se comportan dese xeito. Que por que o profesorado non o arranxou? Pois porque esa teoria máxica de que o profesorado ten que ter ferramentas para non só reaccionar senón solucionar estes problemas é unha quimera que nos teñen vendido e que, dada a situación da docencia no estado, queremos crer. Porque é máis doado pensar que hai que educar aos cidadáns e cidadás nas escolas, que asumir que é unha responsabilidade global ou, como dicía nas xornadas “As mulleres que opinan son perigosas” Nuria Labari, entender que as fillas e fillos que temos non son só nosas, que todas e todos temos que nos facer cargo da construcción da súa ética e asegurar o exercicio da súa empatía.

Pecha a fiestra. Non quero, puta. Bos días, fixeches os deberes? Fixen o que quixen co que teño entre as pernas, profe! Pódeste levantar e darlle ao teu compañeiro o bolígrafo na man e non guindalo? E a min que máis hostia me dá? Hoxe temos un faladoiro sobre a memoria. Menuda puta mierda. Mañá na titoría traballaremos o tema da violencia de xénero. Pois tamén hai mulleres que lles pegan aos homes, profe! Por favor, nada de bandeiras no taboleiro. E a ti que máis che dá o que poñamos no taboleiro? Poderías gardar silencio? Pffft puta mierda.

Puta é unha palabra que se lles cae da boca, que está presente en moitos lugares e que nace dunha fonda incomprensión cara ao dereito a outras persoas (docentes ou intérpretes) a traballar en condicións de liberdade. A mesma liberdade que citan para xustificar o insulto. Pero non teman, non todas as aulas son así, a maioría son unha comunidade poboada de persoas confusas que buscan referentes e están dispostas a escoitar, pese as hormonas. 

Iso si, non crean que as que ensinan teñen un labor doado. Sería de recibo que fosen valoradas e que esa loita constante por crear persoas de calidade non caese no esquencemento, porque para elas non son noventa minutos, son moitos máis.