Blog

Xornalixo-Diego Seixo-P1162962

Publicado na revista Tempos novos . Novembro 2025.

Imaxe de Diego Seixo: “Reciclar pensamentos”, acción do alumnado da Escola de Teatro de Cangas na 42 MITCFC.

Érgueste ben cedo pola mañán pos a cafeteira ao lume e agardas a que borboriñe sabendo que as palabras son memoria dun tempo que non é, que xa foi, porque lume aí haber non hai. O lume é a crenza de que existe o lume, é un teatro da termodinámica. A vida é así. 

Aos poucos consegues que as neuronas vaian acordando e decátaste de que había algo que consultar en relación a certos disturbios acontecidos no Morrazo pola subida da taxa do lixo. Xa co café nos beizos e o caldeiro a medio encher de merda acumulada vas indagando e descobres a lei 7/2022 que obriga aos concellos a que os usuarios e usuarias asuman o custe total do servizo da recollida. Total. Total é unha palabra que neste contexto ten máis forza ca lume e tanta verdade coma o bo teatro. Total significa o todo, é dicir, desde os salarios dos traballadores e traballadoras ata a renovación dos contedores, os camións… Todo, absolutamente todo. O brick de leite, tan reciclable, con catro pingas dentro empeza a parecerche un obxecto de colección e tamén che pasa pola cabeza esa teima dos ingleses de ter un cubo asociado a cada casa, non vaia ser que existan persoas que vaian tirando ao cisco restos por riba das súas posibilidades, e que só pasen a recollelo dous días á semana. Ao mesmo tempo aparece que, desde o 2023, o tratamento de residuos subiu un 69%, que para ser unha subida asumida en dous anos é bastante significativa e levas xa media cunca dubidando da capacidade do ser humano de limpar todo o que emporcalla. Porén queres pensar que ten que haber unha solución, unha saída, un xeito de facer, que igual non ten que ser como en Xapón onde seica tiran os restos en bolsas totalmente transparentes e que se cometes un erro ao separar non se che recollerá a bolsa por parvo e antisistema e serás a vergoña de toda a veciñanza ata que pidas perdón e solventes o teu erro. Pero cal? Como se decide quen ten que pagar máis? Como se decide quen é que produce máis e quen menos?

Bótaslle un auga á cunca e serves outro café, que esta realidade pide máis cafeína. No feed das redes sociais publícanse as imaxes dun grupo de persoas acordoando concelleiras e concelleiros ata altas horas da madrugada con titulares ao máis puro estilo clickbait. Na procura dalgunha nova elaborada desde o xornalismo serio, capaz, obxectivo… Desas escritas por amigas e amigos que aínda respectan o labor de contar o que acontece e que, moitas veces, marcharon dun medio por seren coherentes cos seus valores, atopas a seguinte mensaxe: “¡Hola vecinos! Me llamo Leti, soy reportera de Cuatro. Hoy vamos a hacer un directo a las 12:45 de vuestra subida de basuras (…) ¿Nos vemos en frente del Concello? Cuantos más, mejor!!” Les con incredulidade e venche á cabeza ese texto fiado por quen si sabe separar, reducir e reciclar: “É sabido que a escena e o periodismo non teñen nada en común. Se acaso, comparten a condición de profesións en crise, hai quen di incluso que en extinción. Porque, quen necesita intermediarios fiables da realidade, habendo algoritmos opacos sen código deontolóxico?” 

Rematado o segundo café aínda pensas que o lume non queima. E iso non é unha ficción, é un artefacto cultivado polas redes sociais que só poderán desmentir as verdadeiras xornalistas.