Houbo un tempo no que fomos do clube da galega. Ese tempo xa pasou, e sen caer na nostalxia podemos dicir que foi mellor. Hoxe sería club, pero non é, porque desde aquela perdemos un -e e un pouquiño máis.
Fai 25 anos as adolescentes que xa sabiamos que podiamos ser xornalistas en galego, coma April O´Neal, ou Tartarugas Renacentistas, experimentamos un shock tremendo cando a nosa Mary Poppins, que daquela era un cuarto con tele vixiado por avós que daban merendas, convidou ao galego a deixar de ser materia de aula, e ser lingua propia. Lingua na que falar dos temas de interese (salvar o mundo, o Capitán Planeta, Nirvana, Herdeiros…) papando pipas Facundo cos pés nos asentos dos bancos de madeira, ou nos descansos do recreo, entre bicos roubados e saloucos malgastados en quen non nos quería.
Nunca pensamos que aquilo había ser pasaxeiro. Nunca pensamos que, chegado o caso, as nosas fillas vivirían a nosa mesma experiencia. A mesma. Incluso reducida. Nunca pensamos que os cadelos Chase e Marshall, non saberían da lingua de noso, que a Porca Pepa, tan simbólica en Galicia, non tería un irmán chamado Xurxo ou que Lady Xoaniña, que chegou para lle demostrar á rapazada que as superheroínas tamén poden ter o leading role nunha historia e que vive en Francia, onda a unha manchea de galegas, non entende o que é ser milagreira. Nunca o pensamos porque eramos do clube da galega, por fuciños e por cacheiras. Porque cando o programa remataba, quedabamos para mañá. E sempre hai un mañá.
No mañá, agardando polo porco bravo, hai clases de inglés, de árabe, de chinés de xadrez, de baile ou sesións de mindfulness para pequenas. Aprender, neste mundo, é vital, e xa non estamos para tolerar o carolo en mates nin o dous en historia. A aprendizaxe crea conexións sinápticas, din os expertos, que facilitan asimilar novas linguaxes. En resumo, que cantas máis sabemos, mellor nos funciona o maxín e máis doado o temos para entender outras, coma a matemática, tamén linguaxe, ou a musical. Tamén, segundo certos estudos, axuda a previr o alzhéimer. Curiosamente estes estudos non din cal é mellor, porque todas valen. Todas. Ata o galego.
As voces das expertas reflicten que o emprego do galego pola mocidade decae, que a mocidade, que a rapazada, decae, que cada vez somos menos. De feito, ata se pensa en aplicar o método científico para entender por que a rapazada non emprega unha lingua na que non se pode mergullar, porque non existe na súa realidade. E digo máis, dubido que algunha nena da nosa contorna precise manguitos para se defender na maré de galego, patrimonio inmaterial de noso, na que navega no día a día.
Porén fomos do clube da galega, tivemos o dereito, non a sorte, a medrar en galego. Elas tamén poderían ser dunha panda tan guai. Escoito un si?
Este artigo foi publicado na sección Fugas do xornal LA VOZ DE GALICIA, o 10 de Maio de 2019