Publicado na revista Tempos novos . Novembro 2024.
Imaxe de Diego Seixo.
A canción di que poderíamos ser heroes (e heroínas) por un día. Eu digo que levan cometendo heroicidades xa varios anos, mais os seus nomes só son coñecidos nos círculos docentes de quen está implicada e nas bocas das nais e pais que se preocupan, moito e de xeito moi directo, pola educación das súas fillas e fillos.
Cada vez pasa máis, con poucos pero quen aínda soñamos con un país cheo de posibilidades esperamos que a idea se propague, quen damos aulas nos institutos agardamos poder ser quen de levala a cabo noutras xeografías. O caso é que, hai cousa duns anos, un grupo de docentes convencidas de que a educación pode ser diferente, que se pode traballar desde os proxectos e a capacidade e autonomía persoal do alumnado sen comprometer as leis de educación e procurando o respecto e a valoración que deberían ter tarefas tan importantes como acompañar á infancia cara a autonomía de seu decidiron xuntarse nunha escola do rural e comezar unha fermosa rebelión.
Isto, que parece fábula, conseguiuse a través da reforma do espazo físico (grazas á axuda económica do concello e a participar e todo canto concurso de calidade educativa podían atopar… e gañalo, e gañalo ben e por goleada; gañalo até tal punto que hoxe o CEIP de Outes e o seu claustro son referenza indiscutible nas xornadas de formación do profesorado de ciencia, polos creativos, bibliotecas… xornadas que se organizan, como non, desde a Consellería de Educación…) e do espazo organizativo (integración do alumnado nos plans de remodelación do patio, adecuación dos espazos para unha vivenza emocional da escola, unha biblioteca de 300 metros cadrados na que se cose, xoga, le, investiga, teatraliza, deseña… Vamos, unha fantasía.
Todo isto, non perdan de vista o fío conductor, fíxose porque as profesoras e profesores do CPI de Outes pasan a vida a formarse, a traballar e a escoitar (e ás veces a navegar contra certos ventos e mareas) para conseguir un lugar ao que empezan a chegar nenas e nenos de zonas ás que non lles corresponde por distrito na procura da experiencia educativa que todas desexamos para as futuras xeracións de nenas e nenos librepensadores, fortes e independentes.
O caso é que todo isto non se lle puido explicar á borrasca KIRK e o cole, sito a carón do río Tines (o primeiro río do estado español con dereitos propios, obra desta escola e os seus habitantes) anegouse tanto pola banda do río como pola banda das fortísimas choivas que caeron sobre a Serra de Outes. Dentro estaba a quedan de madrugadores, o equipo directivo, o conserxe e algúns profesores que madrugaran para axudar, xa que o corredor de Santiago a Outes permanecía pechado, e como puideron empezaron a desaloxar crianzas e a subir a pulso todo o material a mesas elevadas. Cinco clases en vinte minutos foron quen de salvar.
Arranxar un lugar físico é cuestión de medios, nesta historia de traballo incansable o centro agradece nas súas redes a colaboración das familias e concellos que se xuntaron a axudar, que comprenderon que se precisaban uns días a porta pechada para ter de novo o cole operativo, que entenden, aínda hoxe, que hai camiño por refacer. O mesmo día Román Rodríguez declaraba no Diario de Pontevedra que Kirk deixara só tres incidencias de certa entidade: unha en Porto do Son, outra en Compostela e outra no Grove.
Boten vostedes contas.