Blog

In Petto OKIDOK na XL MITCFC

Publicado na revista Tempos novos . Agosto 2023.

Imaxe (OKIDOK na 40 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas) de Diego Seixo.

Pasou a MITCFC e sen que o cadáver arrefriase o día 10 representouse no estado unha función televisada de dous actores un tanto clónicos vestidos en certos tonos de azul. É así que esta dramaturxia, á hora de entregar a columna do número de agosto, abre un sin fin de dúbidas pois cando as letras impresas cheguen ás vosas mans os resultados das eleccións pola presidencia española xa serán un feito e polo de agora son unha anomalía nun discurso crispado por ambas bandas e carente de argumentario, pese a estar sobrado de palabras.

O debate artéllase entre unha riada de acusacións e ningunha achega. E o medo, sempre elemento motivador, segue a aparafusarnos ao sofá coa esperanza de que moitas das persoas que non tiñan pensado ir votar o 23X se decaten do que supón pactar cun partido político que dá as costas ao feminismo, que nega a violencia de xénero, que nin sequera ten un plan económico que prometa certa estabilidade (non falemos de prosperidade), que non respecta a evidencia científica e tampouco as persoas e que adopta, en todas as ocasións, esa resposta de bully de manual baseada na ladaíña orquestrada desde os gabinetes de campaña de: “quen non tolera es ti, que moito falas e agora a min, só por pensar de xeito diferente, quéresme calar a boca; quen non permite outro punto de vista es ti, non eu que propoño iso que tantos españois (de bandeira, homes, brancos, ricos, cis, castelánfalantes, o que eles chaman xente normal) pensan e queren e levan anos calados por asasinos e abusóns coma ti”. Iso din e a esquerda non contra-argumenta perdida nese dúbida case filosófica que a inmobiliza non vaia ser que dubidar sexa de mala eduación. 

Quizáis tamén sería cousa de mala educación lembrar que Galicia, Galicia, Galicia segue a ser unha comunidade envellecida, con problemas no rural que ninguén dá solucionado (aparentemente, malia que xa se teñan formulado propostas desde outros lugares), cun campo de batalla constante contra a explotación dos éolicos, do mar, dos recursos gandeiros e agrícolas, cunha quimerización da potencialidade do solo e da natureza sen que cheguen a concretarse en emprendemento. Unha Galicia na que os recursos humanos da educación e da sanidade son utilizados, culpabilizados e explotados baixo as condicións de mínima comodidade  e máxima voluntariedade, porque ao final, o voso é vocacional non veñades pedindo condicións laborais dignas. Iso si, podedes contar con recursos informáticos a esgalla, e nós darémosvos as grazas por deixar a vida por doentes e crianzas, as grazas, nada máis. Nada pidades.

Quizáis non sexa cousa de educación e si de teatro. Remata a Mostra e empeza a pegada de carteis é é posible que tanto Shakespeare no teatro galego nos faga confundir a Barriga Verde con Mr Punch e agora pensemos que a historia non ten volta de folla, e que por moito que berremos non podemos impedir que Judy deixe as crianzas e o futuro nas mans dun home de naríz ganchudo e voz aguda e arteira que acabará moéndoos a paus e facendo con eles chourizos. 

É posible que de tanto non lembrar a tradición propia non saibamos se xa caeu o pano ou aínda podemos mandar algo na dramaturxia.