Blog

adult-books-commerce-375903

Somos a literatura que queremos ser. Por que non? Por que non podemos saír ás rúas das redes sociais, das páxinas en branco e ser a literatura que nos peta? Así, sen límites, sen barreiras, sen ter que estudar os devires estatísticos da sociedade. Sen ter que crear un produto deseñado para un público específico.

                Somos a literatura que queremos ser. Polo menos en potencia, quen bota o freo? Quen di: iso non se pode facer dese xeito, non cabe na sonoridade do noso idioma? Quen pode dicilo? 

Somos a literatura que se nega a que as medidas nos engaiolen nun espazo á medida da subsmisión. Somos as laranxeiras de Gran Vía arraigadas nas ruínas doutros lugares, desafiando invernadoiros, rompendo teitos de cristal coas nosas polas vizosas de luz, botando froitos co único desexo de conxurar zumes hipervitaminados e mineralizados nas bocas desta sociedade que é literatura, e fai literatura, e quere verse identificada (empatizada) na literatura.

                Somos a literatura que move as cadeiras, que toma vermús entre as rúas, que vive para contalo en stories do Instagram, que fala, que bota pola boca todo o que lle cabe no peito, pero non todo, que aínda queda un pouquiño porque imos tan rápido que quedamos sen aire na procura dos obxectivos que nos dixeron que tiñamos que acadar e ao final vai todo e estoupa e hai que agardar que cargue o story seguinte. E poñemos o dediño na pantalla para parar o tempo e o tren que nos atravesa o fígado e as vísceras todas. E miramos as mensaxes de literatura urbana. Os grafittis literarios da nosa xeración, que non ten que ver co tempo no que temos nacido, porén somos fillos dos tempos. Dos que son chegados. Dos bardos. Dos piñeiros que ás veces nin queixumes teñen. Somos a literatura da creación infinita e efémera. Somos a literatura das grandes historias en contedores de Ryan-Air, do turismo multitudinario, da vivencia da mocidade a través da Europa Express dun cento de vías e mil cidades europeas nunha semana de cultura, e bicos nas noites reveladoras nas que sangramos todas as promesas a incumprir nos primeiros días da universidade. Somos a literatura que berra pola inseguridade, que mira, contra todo prognóstico, o progreso das historias pese as evidencias de que a cultura, pode ser, que non interese a ninguén.

                Somos a literatura que nos peta escribir. Porque xa levamos demasiado sendo reserva india, porque somos carne, porque aínda neses corazóns baleirados no Instagram queda algo viscoso, denso, palpitante do que poden xurdir as paixóns que cambian o mundo.

                Somos a literatura que levamos na pel, sen cancelas. Somos a literatura que nos atrevemos a remendar con esa agulla pola que pasa o camelo, porque sabemos que o tempo dá a clave para por fin enfiala co improbable. Porque no desequilibrio diario do pensamento crítico, quen nos tentou podar as polas, quen nos quixo deixar no invernadoiro, na caixa, non soubo ver que aprendemos a mudar de perspectiva. Que sabemos agardar a que o camelo estea tan lonxe que, desta si, pase dunha vez polo ollo da agulla.

                Somos a literatura da ficción imposible como última posibilidade. Coma voz. Coma salvación. Coma promesa. Coma certeza. Coma fío infinito.               

Fagamos literatura.