Publicado na revista Tempos novos . Febreiro 2025.
Imaxe de Diego Seixo.
O peixe hai que salgalo antes de facelo. Esta obviedade non é tal, non se trata de simplemente botarlle sal antes de o guindar na tixola ou ao pote, hai que salgalo antes, verdadeiramente antes. Iso aprendino da xente da vila do mar.
Outro xeito de velo é dicir aquilo de que “quen sementa ventos colleita tempestades”, e quizais por iso agora, que xa levamos tempo observando cara onde vai o pensamento nas redes e cara onde deixamos os barcos, non sorprende demasiado que a día 21 de xaneiro se emita, se repita e se festexe en moitos ámbitos a imaxe de Musk, xunto a moitos outros tecnócratas dos EEUU apoiando sen medos, sen disimulo, sen decencia ningunha (xa no pensar) as políticas e o pensamento da ultradereita.
Se soubesemos todos desa necesidade de salgar o peixe, saberíamos que isto non é novidade, que xa se vía vir, que ficamos adormecidas como se non houbese outra opción que a de tragar, que aquilo está moi lonxe. Se soubésemo do reino do sal entenderíamos que xa desde agora as políticas de subidas de aranceis a China por parte do novo-vello-vellísimo líder do mundo libre (malia que el moi libre non ha ser cando os seus socios artellan fortunas moi semellantes á del propio) xa ten un repercusión directa no prezo a pagar polas nosas hipotecas. Diremos, pois, que a vida está moi cara, que é imposible pagar unha casa, que os bancos nos levan estafando desde aquel crack de hai xa un século.
Dirémolo e contentarémonos con pensar que poderíamos ter feito algo, mais que pouco se pode artellar desde unha pequena casa, nunha vila modesta, nun pequeno país dentro dun minúsculo estado. Porén, ate o peixe máis pequeno é saboroso, que llo digan á xouba, que por moito de ser miúda non se libra das redes dos pescadores! E se a xouba pode ser un super alimento, se a xoubiña pode perder a escama para deixar que lle entre o sal na carne e que a delicia do seu sabor vaia acompañada das múltiples vantaxes de consumir produto local e de cercanía (xa verán que pouquiño hai que pagar aquí de aranceis) e, ademais, aportar unha cantidade óptima de omega 3 que, como sabemos todas, axuda a regular o nivel de colesterol, entón as habitantes das pequenas vilas tamén teremos a capacidade de mudar algo o mundo. Claro que hai que empezar a facelo, hai que moverse, que facelo antes. Non é cuestión de perder a vida, e cuestión de afinar a receita.
Quizais debesemos empezar pola memoria, por lembrar cando toque exercer o dereito a voto, todas as negacións, insultos, afrentas e carencias que sufrimos e que veñen producidas desde o desleixo polo pobo e polos dereitos da cidadanía do estamento no goberno. Pénseno. Salgar con antelación, apuntar se é preciso nun caderniño, coma quen leva un diario. Xaneiro de 2025, milleiros de persoas maniféstanse en Vigo pola sanidade pública, chámanlle “os de sempre”. Xaneiro de 2025 un xuíz ataca coas súas impertinentes preguntas a dignidade dunha vítima de acoso sexual. Xaneiro de 2025 mantéñense as protestas contra ALTRI nas vilas e cidades galegas, o goberno anuncia que as autorizacións da empresa irán para adiante…
Igual é cuestión de non esquencer os sabores, de compartir e non deixar para última hora o aderezo. De atopar o sal e aprender que as xoubas, ao forno, tamén están ben saborosas con ourogo, xa ven, todo é virar a favor do vento e da xente.