Compañía: Assircópatas · Coproduce MITCFC
Procedencia: Galicia
Destinado a: Público familiar
Presentación: 2024
Duración: 55 minutos
Dirección: Natalia Pajarito
Autoría: Dani Blanco
Imaxes: Anna R. Figueiredo
Falamos de Simone Biles e a súa volta ao éxito nestas Olimpíadas de 2024. Falamos de como volver ao éxito non é tanto conseguir o ouro, que tamén, senón deixar de ter medo, non romper e, sobre todo, saber que e cando hai que parar. Quizais todas esas pequenas leccións de vida que semellan tan doadas sexan as máis difíciles de comprender, por iso no sinxelo, que non simple, atopamos o abraio e, en certos casos, a epifanía.
Sen ser demasiado místicas podemos dicir que as aprendizaxes que na infancia semellan doadas (dar un triple salto mortal por riba dunha barra de equilibrios ou festexar un aniversario) cos anos vólvense imposibles, e perder a conexión coa certeza de que non existen límites para certas vontades fai que coidarse e conformar comunidade sexan metas do alén, do espazo da infancia, imposibles para a cotidaniedade.
Porén, Rogelio fica no Clown e quedar no clown é abrir unha porta a un pasado que podemos ter enferruxado por falta de uso, pero que non perdemos de todo; é aceptar a comunicación co abraio e facelo sen cancelas; é comprender o universo do bufón e aceptar ao pallaso que esixe mirármonos de ollo a ollo ate aquel lugar no interior do nervio que proxecta a emoción, mirármonos alén do obvio, porque no obvio non reside a arte, mais si nas sutilezas.
Rogelio, mestre do detalle, festexa. Agarda con paciencia a chegada dos comensais ao seu aniversario, serán tres. Polo camiño establece a actuación do sinxelo ao complexo crecendo na dificultade da execución tanto xestual coma verbal.
A primeira aposta baséase na empatía co público, en facer partícipe do espectáculo a todos cantos estean alí, malia non estaren convidados. A repetición de que os tres amigos van chegar vaise repetindo e quen mais quen menos desconfía de que, ao final, vaian aparecer. Con todo Rogelio non desespera, ten unha festa de aniversario perfectamente planeada e, a diferenza do ritmo imposto na nosa sociedade, Rogelio sabe agardar, encántalle agardar, gústalle tanto que elabora teorías sabias e irónicas sobre a beleza de agardar arrancando sorrisos entre os pequenos e os maiores, porque esa é outra, Rogelio sabe de como facer rir aos maiores e que esquezan que hai un xeito comedido de experimentar a felicidade. Para iso presentaranos a unha serie de elementos “alleos” ao propio Rogélio que forman parte do festexo, coma o pallaso Roger ou os agasallos que, malia non teren chegado os convidados, xa presiden parte do espazo escénico, medido con cautela e precisión malia atoparse ao aire libre, coma quen sabe que pode marchar cando quere pero escolle ficar e compartir, escolle o teatro.
A segunda narración apoiase na apertura dos agasallos. Pouco a pouco, en complicidade co público, abrirá uns cantos deles. Rogelio é unha criatura feita de optimismo e emociona a mensaxe de felicidade e necesidade argumentada que proxecta cando o primero deles resulta ser un libro. A partir dese momento a creación escénica pasa de ser un corredor de personaxes convidadas a se converter nunha pista de circo co eixo dos malabares coma vía principal. A escolla musical acompaña a fascinación de quen sabe da dificultade de manter o equilibrio na execución dos números de contacto e quen coida que aquilo pode facelo calquera, porque a inocencia é marabillosa, non pode pechar a boca cando aquela cercanía de libros e bólas adquire a capacidade asimétrica do voo.
Na terceira ocasión, prendida a dúbida da asistencia dos amigos e amigas ao aniversario e tras conseguir coas súas fermosas arducias de neno unir todas as voces nunha única paixón (e sen competición deportiva polo medio, nin de ningunha outra clase), Dani Blanco saca á luz toda a súa capacidade de contacontos, improvisador e malabarista nunha exhibición de corda frouxa. Xa adoramos a Rogelio e calquera cousiña que nos agasalle vai ser marabilloso a estas alturas, porén o artista sabe da responsaiblidade do acto de interpertar e malia termar dos fíos das nosas consciencias a súa integridade é tal que decide trenzalo para non defraudar, para ligar aínda de xeito máis forte a luz que prendeu no fondo das nosas mentes e que refulxe en cada gargallada.
Ao fin Rogelio corta a torta e apaga as candeas e eu, que xa non festexo os aniversarios, penso que quizáis debería darlles outra oportunidade.