433922479_1484149362353628_790395234146538249_n

Compañía: Las ansiadas producciones

Procedencia: Madrid

Destinado a: Público adulto

Presentación: 2020

Duración: 60 minutos

Dirección: José Pirís

Autoría: Las ansiadas producciones

Imaxes: Diego Seixo

José Luís Montiel Chaves encenta en soidade unha peza de sesenta minutos na que a atención do público estará sempre, e en todo momento, sobre el. Poucas se encaran a semellante realidade, poucas agás, se cadra, o cadro docente dun instituto de secundaria, se acaso eles con menos necesidade de expresar a vida a través da xestualidade extrema. Montiel demostra na interpretación que Babel puidera ter existido e puidera ser que, antes da discordia, a humanidade falase unha lingua común na que que comunicar todas as situacións, todas as querenzas, que a luz, a escenografía e a inflexión tonal pode construír a mensaxe e tal mensaxe pode ser comprendida polo receptor sen necesidade de coñecer o código dos fonemas, pois o código fica en todo o que os adobía. 

Neses sesenta minutos acontece unha vida enteira desde a concepción e o nacemento ate o final desta peza que ten un pouso a auto sacramental. Comeza cun ser misterioso, de movementos fluídos máis cunha ameaza contida, impredicibles. A criatura baixa por entre o patio de butacas na procura dun corpo ao que cominar coas artes do titiriteiro. Malia o aspecto tecnofuturista do personaxe orixinal, case semellante á versión que os creadores de Black Mirror poderían atribuirlle á antromorfización dun tardígrado, é doado pensar na proposta de Calderón da ánima, no limbo, perdida, na procura dun corpo ao que lle dar vida. A ánima, lixeira e allea a este mundo material, prende nun monicreque, acubíllao e establece as bases desa relación tan común nas dramaturxias do XVII dunha simbiose perfecta. A ánima arrola o corpo, deixa que medre, que experimente, que reciba, na educación correspondente á súa época, algún azoute, que aprenda por imitación que se enfronte ao primeiro elemento da sociedade anulador do individuo: a escola adoutrinadora. Fi, fa, fu, repite o neno, Fi, fa, fu, sendo amonestado cada vez que sae do rego.

Pouco a pouco o corpo e a ánima vanse distanciando, non é algo planeado. Son cousas da vida, de non poder atopar traballo, da satisfacción neuronal e corporal, casi reconfortante, da comida lixo cando non hai esperanza, cando o prezo das verduras con aceite de oliva (actualmente marcado AOVE nos menús dos restaurantes máis senlleiros, coma quen pide sal de escamas rosas do Himalaya) triplica o dun McMenú que che traian á casa, a fartura graxenta, a felicidade aditiva do glutamato e da tintura laranxa dos Chetos de queixo picante. A enfermidade do sobrepeso, a ditadura da estética e da vigorexia. A ánima a tratar de aconsellar outro camiño e o corpo a desfilar pola alfombra vermella orgulloso dos flashes dos paparazzi, dos likes, da atención de sentirse escoitado… A disputa final entre carne e espíritu, cortar as cordas e que a virtude perda, que o terrenal se erga sobre os seu propio castelo de excesos e apariencia para apertar o camiño do liderazgo político da extrema dereita, o abuso, a atención desmesurada e o poder in crescendo cara un electrocardiograma insostible no que a única saída é a reconciliación coa ánima, in extremis. En paz.

Las ansiadas producciones narra así unha historia coñecida, mais a beleza da escenografía, o coidado da iluminación a excelente escolla e tratamento do espazo sonoro e a interpretación sobria e medidísima de Montiel Chaves converte un clásico nunha pequena alfaia da 41ª edición da MITCFC, e o público aplaude erguéndose das cadeiras.