Blog

Moaña_ensenada

Pictures of you é un single de The Cure “lanzado” o 19 de marzo de 1990. Eu tiña 10 anos, e probablemente fixese un borralleiro de arxila para meu pai, que probablemente levase bigote daquela e que fumaba. Era de común coñecemento nas aulas que os pais fumaban, por iso a cativada faciamos borralleiros de arxila para o día do pai.

Non sei por onde andará o borralleiro, pero abro este caderno na lembranza daquel outro que creei cando o Disintegration era unha lista de reprodución do iTunes compartido no Physics Department, alá nos primeiros 2000. Daquela a primeira canción que pinchei mentres lía un paper por duodécima vez sen entender o máis mínimo do que dicía foi Lullay pero entón saltou Pictures of you e non houbo maxia tradutora que me fixese entender algo que co tempo me parecería trivial (o efecto da reflectividade na análise por raios de neutróns) pero fixo que parase, respirase, abrise a páxina de Neil Gaiman e, como tantas outras veces, lle fixese caso. Así naceu en blogspot The Sheffield Experience, así nace hoxe esta sección, coa vontade de recoller pensamentos erráticos dunha errante e coa vontade de que ningunha das miñas historias se tome en serio.  Total, son só historias.

Din The Cure “there was nothing in the world that I ever wanted more than to feel you deep in my heart” , así que non esperedes alta literatura. Só vou gravar latexos. Porén benvidas e benvidos todos, non ten sentido chamarlle The Moaña Experience, que non é unha versión 2.0 do que fun, é un anaco de acetato impregnado en ácido do que son.

Imos logo…

(A de The Cure podedes buscala vós que sodes maiores)

Comments(2)

    • Camiño longo

    • 4 anos ago

    Viremos a este espazo de ficción. Parabéns!

    1. Grazas 🙂

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.