Blog

xesús ron

Publicado na revista Tempos novos 32. Maio 2023.

Imaxe de Diego Seixo.

Chévere fai 35 anos, que é o que chamamos máis de cuarto de século e poucas cousas duraron tanto mantendo a calidade. Certamente Chévere tiña que ser unha compañía teatral e non un carro ou un matrimonio.

Unha chega a Chévere coma os Gotan Project volven ao sur e tamén chega dependendo das súas circumstancias. Se nos anos universitarios transitabas o final dos noventa chégase a través da sala NASA, que se escribe así porque o camiño ás aulas pasa por aquelas rúas case rurais ao pé da saia catredalicia que rematan na caraballeira de San Lorenzo e alí está a NASA cos seus cartaces coa programación e as súas promesas do que anos despois chamamos escena. E chámase así porque na universidade a realidade pasa pola peneira dos espazos vectoriais e de poñer o límite da intención nas estrelas, coma no teatro. Pasa por crer que unha serie numérica recollida por unha mente informática pode definir o universo polo día, e pola noite chega con pedir unha cervexa na barra da axencia nacional de investigación teatral para comprender as puntadas de calquera deus a unir retais de realidade disidente, de intencionalidade crítica, de bandeiras do país dos ananos, de tapices bizarros para o Olimpo que se tecen á mesma velocidade á que Penélope viaxa no asteroide b-612 cara un beixo na rúa a proseguir noutro lugar, que as rosas proliferan cando existe o teatro.

Velaí fica a crenza de que as salas eran un dereito fundamental de noso enfrentado á realidade na que Conde Roa decide que en Compostela non había sitio para tanto showbusiness. Coma naquel poema que todas lle atribuímos a Brecht vimos como ían a por eles e o que fixemos non deu para nada. Púxose o sol e a política do forasteiro botou o equipo local, as artistas ácratas e ate o cherif.

Non había ser o seu fin. Chévere é unha compañía de doble éxito tentando non o ter. Velaí o triplo salto mortal. Na entrevista recollida en Piso Franco Patricia de Lorenzo, Xesús Ron e mais Miguel de Lira falan de que a súa intención de futuro podería ser a creación dun legado. Canto sentido! Cantas salas observamos desde o punto de non retorno? Cantas que antes se dedicaban á cultura e agora fican practicamente baleiras de contidos? Será que as minorías non somos quen de gañar eleccións e non contan os nosos desexos? Non todo o mundo, non todos os lugares teñen a oportunidade de crear aquilo que segundo Peter Brooke dicían os americanos dos actores e actrices ingleses “o estilo actoral”. Que tería de malo, entón, poñer os chanzos para a creación dun “teatro galego” dun estilo de teatro propio de nós, rapunante e arriscado? 

Un evento dramático que non procure o éxito e que en cada representación leva ás espectadoras a invocar ese fenómeno expansivo no WhatsApp en que mercas entradas para ti e para as fillas da nasa e unha máis, porque sempre haberá quen precise que lle descubran Eroski Paradiso ou Curva España. E o non iniciado asistirá pensando que o teatro non é para el e sairá mudado de parecer, coma tería feito en Times Square ou no West End por moda e non fai aquí por incultura.

Aínda dudas, Dude?