Blog

ORFANDADE E VITIMISMO-RRSS

Publicado na revista Tempos novos . Maio 2025.

Imaxe de Diego Seixo.

Veño de ver Adolescencia, a serie de Netflix. Nela un rapaz de trece anos asasina a unha compañeira. Non hai moito debate na autoría. Xa no primeiro episodio a gravación de CCTV na que se ve ao suposto autor do crime cometer o crime serve para convencer ao xurado que observa. Porén, as cámaras de seguridade da policía non gravan en HD e quen ama, seu pai, aínda atesoura o espírito da dúbida. 

Desde esa premisa constrúense catro episodios en plano secuencia. O primeiro narra o día do arrestro cunha lenta e meticulosa viaxe ao sistema penitenciario do Reino Unido, o segundo a visita á escola de James, porque a vítima pouco percorrido ten nesta historia (malia que haberá quen diga que a vítima, das redes sociais, das paternidades e maternidades submisas a cumprir as demandas dun mundo capitalista que encomendan parte da educación do fillo a estar no cuarto co seu ordenador, é o rapaz), o terceiro á entrevista cunha das psicólogas do caso, muller, e primeira persoa que consegue arrancar a ira no adolescente e as actitudes que poderían ser identificadas como rasgos de carácter da denominada subcultura incel (a min unha comunidade virtual que promulga a misoxinia e a violencia cara as mulleres polo mero feito de non poder foder, moita cultura non me parece) e e o último acontece trece meses despois do arresto, un mes antes do xuízo, no aniversario do pai.

Cada un pon o foco nun lado do prisma do problema: o crime, a escola, a saúde mental do individuo e o seu contexto e o entorno familiar. No conxunto establécese unha diferenza radical entre adultas e mozas, as personaxes adultas, en maior ou menor medida de simpatía, amósanse empáticas, pacientes, dispostas a observar os problemas desde todos os ángulos, á reflexión… As adultas levan a carga dos anos dun xeito case obrigado no seu xeito de existir, un punto canso e un punto superado, eternamente en descontento coas súas realidades. As adolescentes, pola contra, son en xeral agresivas, ocultan información e responden irrespectuosamente. As crianzas estoupan, atacan, amosan un código de comportamento salvaxe e baseado na supervivencia do máis forte, nas leis da selva, na autoconservación e no coñecemento da impunidade dos seus actos (numerosas son as manifestacións violentas de Jamie cara a psicóloga, dos compañeiros de aula de Jamie cara os profesores, ou dos compañeiros de aula do curso superior, o da irmá do rapaz, cara o adolescente que non pertence ao grupo maioritario).

O asunto acaba sendo canta ficción hai nesta ficción. Ou cal é a historia desta ficción? Fala do abandono das persoas mozas por mor da herdanza dunha parternidade ausente? Fala dos grises da personalidade da vítima, Katie, que é acusada de “bullying” polo seu agresor? Fala da crueldade coa que se trata a unha rapaza que envía unha foto en tetas a un mozo e esa foto acaba en todos os móbiles do instituto? Fala da incapacidade do sistema educativo para ensinar cando o alumnado non vén educado da casa? Fala dos fillos das fake news e teorías conspiratorias? 

Adolescencia é un artefacto fermosamente construído, mais sen conclusión. Se a ven, non o dubiden… Hai xente así nas aulas, e tamén xente da outra. Mais o caso é que as crianzas non son dos pais e das nais, son da comunidade.