Blog

Reconversión-Web

Publicado na revista Tempos novos . Xaneiro 2025.

Imaxe de Diego Seixo (Proxecto de imaxe para “Reconversión” de Santiago Cortegoso).

A dereita ten mellores medios propagandísticos. Iso din, iso parece ser a realidade ou, polo menos, iso observamos dentro das aulas e, supoño, dentro da sociedade. Veño de ler a última obra de Santiago Cortegoso, unha peza dramatúrxica na que se narra, con moita implicación persoal dado que a historia do pobo está canalizada a través da historia de seu pai, parte do proceso de reconversión de Ascón, un dos estaleiros punteiros da península. Axuda á lectura coñecer o lugar onde se desenvolven os feitos, axuda ter pais (e nais) da idade do pai (e nai) de Cortegoso, axuda lembar o que era o 1,2,3 e tamén que tal cousa foi Naranjito, quen era Solana (que agora soa a caramelo de vello), quen era Felipe González (que agora xa non se sabe se é), que discurso había nas casas sobre quen debía traballar e quen coidar do resto… Leo Reconversión e na pel de pita que se me pon identificando certas condicións de non laburo lembro as cartas de Díaz y Prieto que atopei baleirando a casa de meus pais, que xa non é casa de meus pais malia que segue a selo na memoria. Ese piso, alugado a persoas que o precisan, non garda as obras de Julio Verne na primeira habitación á dereita, onda o Xerais de COU, de capa verde, e sabedoría infinita. Xa non existe ese lugar, mais ,cousa da idade, se penso onde está na miña casa o poema aquel de Manuel Antonio… digo, no cuarto, dentro da peza que fai de escritorio. 

A dereita ten mellores medios propagandísticos. Repítenme. Escoito como esa consigna se espalla entre os activictas da esquerda que xa empezan a ter certa idade e tamén certo cansazo, e repítenme tamén esas consignas dogmáticas de adormecemento social que turran do pulo cara o individualismo, o clasismo, o servilismo, o embiguismo, a inxustiza social… Make Galiza Great again, make Galiza Spain again, make Galiza Madrid por fin, make Galiza a leira de vacacións de Madrid. Eses  seus medios propagandísticos véñenme á boca e non deixo de sentir esta necesida de golsar até o autoexterminio.

Repítenme ao ver gañar a Trump as eleccións, ao escoitar como se pasa por riba dos datos da deriva de cartos cara a tauromaquia en Valencia, cando ecoan os risos nunha aula na que un rapaz adolescente lle solta á súa compañeira “cantos minutos debaixo da mesa che custaron eses tres positivos?” (*en castelán no orixinal). Navego as páxinas de Cortegoso e atopo ese momento no que varios traballadores do asteleiro falan, no que a ficción se emprega para comprender un momento histórico. O autor, fillo dese e deste tempo, recoñece que a acción sindical e a loita levada a cabo polos traballadores xorde dunha necesidade laboral, de chegar a fin de mes e traer o pan casa, e non, en xeral, dun sentimento revolucionario en prol da igualdade social. O autor, froito da educación pública dos oitenta poboada de mestres e mestras que seguían bebéndolle a mel ao tal Paco (agora pódeselle chamar Paco, que nunca será Fran) e outras que por fin albiscaban unha posibilidade no futuro de xustiza e liberdade, recoñece que neste país sempre houbo conservadores dentro e fóra das conserveiras.

Re-convértome na re-actualización da necesidade do pensamento de esquerdas. Re-afírmome. Re-xenero. Nun barco só, eu tamén navegar.