Publicado na revista Tempos novos . Setembro 2024.
Imaxe de Diego Seixo.
Agosto é un mes complicado para a escrita. É mellor setembro, cando todo parece empezar de novo. En la Voz de Galicia, en pleno agosto, un sindicato denuncia que na oferta de prazas do CADP (a listaxe na que se lles di ás persoas funcionarias de educación que aínda non teñen praza definitiva e, de sobrar prazas, ás persoas, por orde de lista de substitucións, que terán unha interinidade para o curso vindeiro) ofertáronse prazas tan surrealistas como unha de bioloxía con soldadura e música. O mesmo día, en pequeno, fálase de que a Xunta xa leva dado o visto bo a varios informes que respaldan a futura existencia de Altri. Ambas novas parecen non estar relacionadas, pero se o pensamos ben, pouco distan da capacidade dos magos de obrigarnos a ollar nunha dirección mentres eles desafían a arte do engano para despois exercer un número marabilloso no que cinco céntimos mutan nunha pomba mensaxeira que fala sete idiomas grazas á educación pública. O dos idiomas non o chega a saber o espectador porque a pomba traballa en precario, pero está aí.
O problema de base é o de sempre: hai que buscar un inimigo que atraia as olladas e os profesores teñen máis vacacións que o resto da xente e ademais non saben dar bioloxía e música con soldadura. Sabémolo porque todos tivemos un profe de bioloxía e non afinaba ben. En agosto somos conscientes de que as vacacións rematan, de que empeza o curso, e que o curso é caro e a ver se, eses privilexiados, van optar por facer folga e vai e despois de gastarnos case mil euros na equipación da crianza (roupa, botas, libros, cadernos e esas cousas raras que piden para dar aulas que na miña época cun lapis e unha goma xa valía ben), aínda temos que termar da cativada! Que fagan o seu traballo e o de Altri xa se verá, que Altri trae traballo. Traballo digno. Con poucas vacacións! E por certo, que calor ía este ano, non? E que caro o marisco todo.
En agosto pechamos os xornais e imos á praia, e a ponzoña mediática déixanos ver que a loita é contra quen está ao noso carón e non cara quen non pon os medios para acadar unha sociedade máis xusta. Que está ben sacrificar o coidado do noso minifundio no planeta para gañar uns euros, malia que despois falemos do mal que está o mundo e o cambio climático, de que a semente da ameixa morre, de que esquilmamos os mares traendo sardiña de contrabando.
En setembro abrimos as aulas e aglomeramos futuras pombas plurilingüisticas mentres certas persoas que tentan soldar cerebros e axudar a crear cidadanía responsable desenvolven un labor baixo mínimos en moitas, moitas circunstancias. En setembro abrimos o xornal co café do laburo. Dalgún xeito pensamos que o momento de ter feito algo xa pasou pero non nos decatamos de cando. Cando había que falar? Cando había que baixar a máscara e dicir ben alto: o problema non é a soldadura, o problema é que falta persoal! Altri, non! Loitade polos nosos mares! Loitade polas nosas terras! Facede algo a xeito! Devolvédenos a sanidade que perdemos!
En setembro, xa pasou todo e hai que volver á rutina. Porque iso foi o que nos aprenderon, non si? Porque se parásemos as engranaxes… se parásemos, que?