Blog

Mama levame a Normandia D Seixo-Redes-1150063

Publicado na revista Tempos novos 304. Setembro 2022.

Imaxe: Diego Seixo.

Remata o verán e adéntrome na intimidade do salón de peiteado. Mentres agardo leo nun libro de Annie Ernaux, o que trata sobre a perda da súa nai, que a palabra ambición en Normandía significa a dor de separarse do lugar onde naceches, que un can pode morrer de ambición. Leo isto e pregúntome se o quilómetro cero da ambición será un anaco de terra física ou a humidade do ventre onde estoupamos o primeiro latexo. Leo coa certeza de que todas as nais morren e todas as terras poden ser matria dependendo das afinidades.

Ao tempo unha das clientas narra a historia de seu fillo, un rapaz que resultou ser un portento na cociña, un rapaz que xa non vive, loita nen traballa aquí. Outro fracaso do sistema educativo. Un alumno, seica, que desde sempre tivo problemas nas aulas e que non foi atendido do xeito correcto. Un pícaro que por esa malaintencionalidade do profesorado viuse empurrado cara as malas compañas. Moito sufriu súa nai. Porén, atopou a súa vocación nos módulos de formación profesional, reinsertouse cum laude na sociedade estudiantil dos oficios e leva anos alén de Tagen Ata labrándose o presente que lle dea un futuro. Que mágoa, atrévome a comentar abandonando por un momento a lectura de Annie. Ao punto, repréndenme o comentario con condescendencia por non enteder eu que o cultivo da ambición é o mellor que lle podía ter pasado ao neno. Que quería logo? Que quedase aquí, onde non pode brillar, onde non pode medrar, onde non hai nada? Un talento así tiña que saír polo mundo, tiña que ser ambicioso e oxalá, oxalá, non volvese nunca.

Deixo o texto, percórreme a frialdade da derrota na visión do país. Nas novas dixitais destaca o órdago dun equipo directivo que dimite após a Xunta de Galicia veña de reducirlles o cupo do profesorado en trece. Outro fracaso educativo. Simulo que sigo lendo no móbil pero lembro a dedicación da maioría de docentes que coñezo e cos que traballo. Malia ser setembro non penso nos primeiros día senón neses momentos en que a responsabilidade persoal colapsa cos impedimentos impostos pola redución de personal e de recursos materiais. A ambición do profesorado no imaxinario popular segue a ser facer acto de presenza nunha aula ideal ateigada de mentes dispostas a aprender para liscar de alí o antes posible. Na realidade moitas e moitos teñen problemas nas aulas. Problemas de ansiedade, problemas para captar a atención dun grupo de persoas que pousan ao seu coidado para que sexan non só instruídos no pensamento senon tamén educadas e motivadas. Problemas para atender a diversidade. Problemas éticos ao non se resignaren a formar pezas dunha cadea de montaxe, ao desexar formar librepensadoras. 

A ambición do profesorado é nula porque pese a todas as derrotas, fican. 

A nai do salón de peiteado olla o deseño en laranxas da súa manicura, tira unha foto co móbil e envíalla ao fillo de éxito. Sinto un baleiro no ventre desexando un país que non precise da emigración, un país que teime por soterrar a ambición construíndo no presente un futuro no que a resistencia das aulas atope un fogar. Unha victoria educativa.