Compañía: Antagonista teatro
Dirección: Marta Alonso e Pepe Domínguez
Elenco: Iria Sobrado, José Vaquero e Javier Octavio de Toledo
Deseño de espazo escénico e vestiario: Diego Valerias
Música orixinal: Christian casas
Auditorio Municipal de Vigo, 26 de novembro de 2024.
Terá que haber algunha razón pola que seguimos virando a ollada aos clásicos. Terá que haber algunha razón, alén da existencia do Globe, pola que Shakespeare e Valle aínda nos fagan recapacitar e sentir na pel tanto, pola que perpetuemos a narración dos mitos e lendas e busquemos ese momento comunitario e individual ao mesmo tempo no que a narración, a ficción do conto, se torna o único fío da conciencia e da consciencia. Ha de haber unha razón para que dramaturgos coma Paco Bezerra decida buscar na historia de Fedra unha nova dramaturxia, do mesmo xeito que o fan Las Niñas de Cádiz con esta obra e agora, no FIOT con Las bingueras de Eurípides. Avanzamos, como sociedade e consciencia, no senso de precisar engulir, regurxitar e ás veces cubrirnos de fangos que imposibilitan a mellora. A sociedade avanza, mais o mundo fica coa danza, e a danza, ás veces, decide non mellorar, decide estancarse e perder a vista, perder o ritmo, o tempo e a capacidade de escoitar e sentir o vibrar da melodía. Porén, queda o teatro.
Nas palabras de RVB “O teatro, entendido non só como fenómeno literario, senón e sobre todo como acontecemento escénico, sempre ten lugar nun espacio físico, xa sexa natural ou artificial. As características dese espacio determinan moitas das do mesmo feito teatral e establecen a relación entre os que dun xeito ou doutro participan nel como actuantes ou como espectadores.” O teatro en Insubmisa, de Antagonista teatro, acontece na arquitectura do anfiteatro deitando as bases da proposta a realizar sobre Medea desde unha estética na que se mestura o estilismo do ideario da Grecia dos deuses coa integración orgánica da roupa cómoda, en tonalidades de terra, un tanto semellante no deseño aos uniformes imaxinados dos artistas marciais orientais. Unha escenografía de portas brancas, sitas ao xeito no que Magritte soña o que se invoca sobre as táboas. Todo quedará contido na inmensidade dun fondo branco de portas xiratorias, nun xogo de sombras, de aparicións anónimas caracterizadas, de novo, ao xeito dos amantes do xenio belga.
Insubmisa en un xogo a tres bandas no descubrir, unha promesa de írmonos adentrando na historia polo noso pé o grazas á nosa vontade, primeiro da man do elenco que se representa a si propios na introducción da historia. Iria Sobrado no papel de Medea, a amante, a estranxeira, a esposa, a muller condenada incluso antes de ter escoitado a súa voz por mor de ser atopada en presenza da súa descedencia morta. José Vaquero como o psiquiatra que a entrevistará e Javier Octavio de Toledo coma Xasón, que por momentos aparecerá como o personaxe con entidade propia e as mais das veces será a proxección na cabeza de Medea da lembranza do que sempre segue a ser o seu marido. Eles falan por ela, porque ela non ten voz. Eles contan a súa historia, porque ela non ten voz. A ironía da situación abórdase xa desde a premisa pública desde a crítica e o sarcasmo e, como toda boa peza, vístese desa ironía para desenvolverse na fermosa contradición que enceta a dramaturxia baixo a dirección de Marta Alonso e Pepe Domínguez.
Rematado o limiar, empeza a danza.
Moitos son os elementos emprgados para crear o puzzle desta Medea que permanece na cela dun hospital psiquiátrico, conseguindo todas as partes que dubidemos da realidade, ou do que se nos presenta como realidade. È realmente Medea? Está nun sanatorio? Acontece todo dentro da súa cabeza?
Ao tempo a paixón e a emoción da ficción busca puntos de apoio na de Eurípides e reflexos que traen a situación da estranxeira ao noso tempo, á nosa visión. “Pode ser libre alguén se a súa historia é escrita polos seus verdugos? Pregunta Medea. Poden confiar Medea no seu confesor? Nas súas lembranzas? Pode confiar el na palabra de Medea? Pode amar Xasón á súa muller malia defender que deu morte os seus fillos por ciumes? Como se mide a contraprestación que Medea pon sobre a mesa, canto vale deixar a súa terra, ser a amante, ser a muller diferente, romper con todos os seus lazos e con toda a súa forza, amar coma sempre amou, entregarse e escoitar, aínda no retiro, a voz dos pequenos a xogar na rúa? Escóitalos, Xaxón?
Insubmisa é unha milonga na que danzar esixe decidir. En cada momento e movemento o texto tira un lance e convida ao baile, e a parella nunca sabe ao momento se será guía ou guiada. Insubmisa é un xogo de espellos que deforman, cegan, reflicten, deleitan e conforman a través de imposicións de cor e de sombras o impresionismo alemán coa imaxe fluída do mar no corpo de Sobrado. Insubmisa é un conto no que Javier Octavio de Toledo encarna un Xaxón tan aventureiro que podería ser a máscara dun príncipe Disney que pasou a censura dos anos dous mil, que se volve tridimensional ante a proposta da linealidade do heroe e que, despegándose da pel do personaxe, é quen, xunto con Vaquero, de vestir a súa carne e seren os antagonistas sen deixar á protagonista en posición de condescendencia. Un exercicio de drama, estilo e dirección que quen escribe, agradece e aplaude.
Insubmisa é unha peza de deleite dos sentidos, de forza nas imaxes e no emprego de técnicas non verbais para a comunicación da palabra en movemento que é o teatro. Insubmisa sabe que non é cinema, nin narración oral. Sabe que a espectadora é soberana e que o legado de Talía non só deita a promesa da historia, demanda o sacrificio da arte. Desde a mesura de Vaquero, doce e contraditoria, contidendo multitudes en cada peza do discurso, ate o xeito de estoupar coa raiba de Sobrado, catárquita, inmensa coma torrente, co gume da verdadeira forza que nace cando os outros rompen as nosas fronteiras e irrumpen nas nosas terras coa intención da conquista. A resposta visceral na felicidade e na indignación, a templanza, a furia da impotencia, a tenrura nesa escena de espellos e azul con José Vaquero.
Insubmisa, con todo, é unha festa.
Por todo isto, recomendo encarecidamente que esta peza sexa programada, vista, revisitada e admirada, criticada se é mester, gozada, aprendida e aprenhendida e, sobre todo, recomendo que se viva o teatro con máis medios para que achegas tan fermosas e ferintes coma esta teñan más cabida nun teatro galego de calidade do que nos sentir orgullosas, do que falar para os despois, coma quen revisa os inicios de Madonna e entende que aquilo era o que demandaba a sociedade e que agora, as insubmisas, limpamos os ollos da lama e queremos danzar Like a virgin con Medea para saber que por moitos pasos atrás, sempre queda un camiño cara adiante.