Blog

433922479_1484149362353628_790395234146538249_n

Compañía: Grupo Chévere

Procedencia: Galicia

Destinado a: Público adulto

Presentación: 2024

Duración: 80 minutos

Dirección: Xron

Imaxes: Diego Seixo

Pasos para escribir unha crítica teatral:

  • Relaciona o que sucede sobre as táboas cun suceso de actualidade
  • Reflexiona sobre a intención dramática da peza
  • En caso de non atopar intención dramática pasa falar dos aspectos técnicos
  • Remata cun breve comentario arredor da interpretación
  • Se é preciso, recolle redes cunha conclusión resaltando algún aspecto especialmente fermoso ou que se botase en falta. Haberá de ter coidado con esta última achega, pode contradicir a intención do corpo principal do texto crítico

Para empezar podes facer uso do atentado contra Donald Trump…

Un mozo en Pensilvania pode, ao parecer, mercar un rifle de asalto e achegarse, ate rozarlle a orella, a dereita, a un dos seres máis poderosos do chamado “mundo libre”. Pese ao que xa denominan os medios como “tentativa de asasinato” sen que exista un contrarrelato que formule a   temida suxerencia de “creación dun mártir” , podemos establecer que a detonación dun rifle onda a orella podería chegar a producir xordeira, da física, non da que acusa o lider político e “afamado emprendedor” estadounidense ao sufrimento alleo (porque América non se fai grande con todxs nen para todxs), mais neste caso, a distancia prevalece e todo queda niso: un rascazo, dúas mortes anónimas, e unha suba de popularidade parella ás ganancias do Trump Media and Technology group, que pasa nun día de ser deficitario a caer con pulo no lado negro do balance de contas. O vermello, quitando o ketchup, pouco lle interesa a quen xa se mira gañador das eleccións presidencias de novembro. 

Con todo o futuro é impredicibile, non como o pasado que queda recollido na hemeroteca. No pasado o expresidente dos Estados Unidos, entre tantas outras dubidosas declaracións, pon en dúbida a existencia de Helen Keller. Unha testemuña que, entre outras, traen a escena os Chévere na súa última produción: Helen Keller, a muller marabilla?

Agora podes desenvolver a idea da intención dramática da obra escénica. Para atopar un estilo axeitado é posible que queiras ler a recensión de Davy Jays no suplemento cultural do Guardian do 15 de xullo.

Segundo empeza a obra Ángela Ibáñez, Patricia de Lorenzo e Chusa Pérez de Vallejo encaran o patio de butacas vestidas con roupas de traballadoras de imprenta segundo unha serie de consignas que semellan o posible diálogo dunha mesa de traballo arredor da creación dunha peza de teatro documental. Ás súas costas, branco sobre azul, proxéctanse as instruccións. Elas permanecen en penumbra, a sala en total silencio, xa se avisou de poñer os móbiles en modo avión ou apagados pois a obra consta dun ambiente de ausencia de son.

A premisa é a investigación sobre a figura histórica de Helen Keller. Elas teñen á súa fronte un par de taboleiros con caixas e obxectos espallados, unha vida deconstruída. Á dereita da espectadora un manequín, espido, sen rostro. Ao pouco empregaranse unha serie de vídeos: algúns dubidando da existencia real de Helen Keller co argumentario de “como vai ser verdade que unha xorda escribise tantos e tantos libros? E máis no pasado”. Un deles protagonizado por Donal Trump. Por outra banda proxectarase tamén un extracto de The miracle worker no que se representa a primeira vez que Helen liga significado e significante. 

Preséntase a Helen Keller. Segundo as actrices van extraendo roupas das caixas vaise narrando e signando (por veces o texto signado queda proxectado na inmensa pantalla que delimita o final das táboas, coma un ceo eterno) a intención narrativa. Keller, persoa xordocega que chegou a desenvoler unha linguaxe propia e escribir múltiples artigos e máis dunha ducia de libros falando das súas experiencias e do seu ideario, que pronto tornaría cara á esquerda. Pasado o tempo da súa morte, no ideario popular Keller é un exemplo de superación, mais até onde chega o mito? É lícito esixir a referencia de Keller coma o “patrón ouro” para todas as persoas con algunha dificultade? En que momento ou quen dicide cal é a orixe da diversidade? Existe unha escala diferente para o que pode acadar certa persoa que ten capacidades plenas? Existe, en realidade, esa persoa que verdadeiramente ten capacidades plenas? E á marxe de todo isto… Pódese chegar a ese patrón ouro sen partir dun estatus social e económico abondoso?

Na ausencia de son, mais non de comunicación, todas estas preguntas xorden a través de diversas técnicas dramatúrxicas como a construción do mito sobre o manequín de rostro neutro á imaxe e semellanza dunha das fotos máis coñecidas de Keller, a interpelación persoal, a demostración in situ da linguaxe desenvolvida pola coidadora e instrutora de Keller, Anne Sullivan, a interacción epistolar ou a interpretación das fotografías que documentarían a vida de Helen. 

O desafío de pensamento e creación da investigación queda inequivocamente marcado nos primeiros momentos da peza que, sendo presentada como biográfica, elixe xerar esa dúbida interior na espectadora que non coñecese a súa historia: como foi capaz Anne Sullivan de facer que unha rapaza que case non experimentara estímulos externos visuais ou auditivos comprendese o significado da linguaxe e a súa realación co obxecto e o pensamento? Deste xeito colocan á espectadora sempre nunha corda de funambulismo a facermos equilibrios entre a construción do mito (tanto por parte de Helen Keller coma con Anne Sullivan), a loita pola igualdade (tanto social, desde a ideoloxía socialista de Keller no medio dos EEUU, coma de trato comunitario e integrador ao obrigar non só a reflexión das situacións cotiás ás que se poden enfrentar unha persoa con déficit de percepción senón a combinar, constantemente, esa situación coa resposta cruel e desairada que adoita ofrecer a cidadanía cara estas situacións) e a construción dunha dramaturxia na que cadaquén interpreta segundo as súas capacidades de comunicación verbais e físicas, de xeito que verbal e físico adquiran, nesta achega, unha simbiose totalmente diferente para cadansúa actriz na creación do elemento comunicador.

Falar das interpretacións desde a imparcialidade precisa dun maior coñecemento da industria teatral. No caso de que, pese a todo, elixas facelo, emprega as lembranzas que deixaron unha pegada máis fonda no transcurso da obra. Se queres, podes empregar tamén unha comparación entre a proposta da estrea (en Compostela) e o cambio na representación na Mostra de Cangas. 

Ángela Ibáñez signa en danza cun corpo que desafía, ama, explica, emociona e busca a complicidade sen límites e sendo que nas primeiras representacións a súa enerxía ocupa totalmente a escena, segundo a obra se adapta a unha intención máis clara ao pasar por varios pases, ese xeito de conter a ira nos movementos estudados evoluciona cara unha narración controlada que a ollos das espectadoras a empodera nunha situación de norna das palabras. É imposible non seguir o seu devir, case doloroso ter que apartar a ollada do seu xesto para tentar dilucidar a comunicación nos textos proxectados. O ímpetu e a capacidade para aparecer, para habitar as táboas e recoller a narración xusto no punto necesario achegan unha tranquilidade exquisita á experiencia da espectadora. O binomio Patricia-Chusa actúa en consonancia deixando claro que a comunicación verbal e o mundo dos que nos movemos nela e, realmente, quen está pendente de adaptación nesta peza.

Helen Keller non está pensada para voz, e esa eiva da “normalidade” queda paliada polo traballo das actrices que, sen deixar a intención interpretativa, fan de ponte entre o verdadeiro relato do teatro e a necesidade de adaptación do público. Porén, quen teña sido seareira de Chévere adiviñará, asegúrovolo, nestes últimos pases, a sombra de Sara Caamaño atendendo ás consignas de Keller e marchando da súa man; tamén a Eva, co seu mantelo do peixe, ollando con desconfianza o relato dunha muller que seica o tivo difícil, mais que tiña quen coidaba dela, que non tiña que ir día a día a gañar o pan e loitar para poder pagar unha hipoteca. Todos os matices de cada intención creadora na inflexión da voz, na ollada, na decisión. Tres narradoras dun tecido da historia, coma moiras das preguntas que son incómodas de elaborar.

Por último, desenvolve unha conclusión á crítica. Podes escoller entre:

  1. Recomendar que cadaquén vaia vela e que elaboren as súas propias conclusións.
  2. Gabar a valentía de Chévere con esta nova proposta escénica.
  3. Tentar enmarcar Helen Keller, a muller marabilla dentro da ecléctica produción da compañía a través dunha relación forzada entre os fíos argumentais.
  4. Caer na nostalxia e inquirir pola ausencia doutros intérpretes de Chévere.

Se escolles a opción 4 lembra que a narración da conclusión final pode estropear a intención narrativa global da crítica.

Se escolles a opción 2 lembra que non hai proposta de Chévere que non fose valente ou novedosa e que tanto se pode dicir iso coma que o ceo e azul e a auga molla.

No camiño cara a inclusión existen voces e existen accións. Hellen Keller, a muller marabilla? non responde á pregunta de se existiu ou non, de se era a muller marabilla ou non, mais establece unha semente de pensamento crítico e obriga a experimentar unha realidade que para moitas de nós é allea. Chévere conta e incomoda, prende onde proe, e iso é teatro.