Blog

MiguelBorinesVictorMosquera

Publicado na revista Tempos Novos 301. Xuño 2022.

Imaxe: Miguel Borines e Víctor Mosqueira en Casa O’Rei (Ibuprofeno teatro) por Diego Seixo.

Así abría a súa campaña publicitaria o famosísimo musical do West End The Phantom of the Opera hai ben de tempo. Nunha cidade con centos de ofertas escénicas, pensaba, quen ten a necesidade de ver máis dunha vez unha única proposta? A resposta, aínda hoxe e despois de ter asistido a cinco representacións, resúmese en: as que cumpran. A pregunta logo podería ser por que ir ao teatro ou a que tipo de teatro ir. A que propostas escénicas, a que compañías, a que salas, en que idiomas? Serei quen de entender unha obra de teatro sen apenas texto? Serei quen de empatizar nunha achega performática? Serei quen de comprender a dramaturxia dunha peza en portugués, en inglés… Serei quen de facelo en galego? Porque si, non nos enganemos, segundo os estudos sociolingüísticos actuais, o galego, para un gran núcleo da poboación pouco máis é ca unha lingua estranxeira.

            Pero o primeiro é ir ao teatro, quedar e ser espectadora. Ser espectadora é un dos labores máis difíciles do mundo, porque se ben a obra se desenvolve ante nós a nosa obriga é desenvolvernos perante a obra. Non importa o idioma cando existe unha mensaxe artística sobre as táboas que apela a cuestións tan faladas coma o coñecemento propio ou tan descoñecidas como a certeza de que non todas as familias son iguais pero todas teñen os mesmos medos, que das relacións tóxicas se sae e da droga non, ou viceversa, que os fillos poden amar ás nais con demencia, que as fillas fixeron a nación ou que un país pode atopar o seu verdadeiro reflexo no proscenio, onde non mandan os medios de comunicación. Que a historia non foi así, que queda moita por contar, que cando baixa o pano aguantamos a respiración e calamos as revelacións máis profundas, que son para as espectadoras, cun aplauso atronador se a obra foi honesta. E se non foi, non pasa nada. Hai que volver ao teatro a que nos deixe no rostro as cicatrices da vida, as que doen e as que marcan as vitorias. As que feren e as que as que nos erguen da butaca sabendo que é posible crer na utopía.

            Así empeza xuño, convidando ás espectadoras á oportunidade innegable dos festivais de teatro, os eventos culturais que converten unha cidade nun multiverso onde fuxir da burbulla da realidade e medrar. Por seren tan perigosos é que pouco se fala deles. Se fosen tan inocentes coma o Camiño de Santiago, que tamén ten algo de espectáculo e non pouco de esperpéntico, estarían en boca de todos, con centos de cartaces por todas as marquesinas das cidades nas que agora lemos iso de “Queres que te vexan os peregrinos? Anúnciate aquí”.

            Peregrinos hai a Santiago e tamén os hai a Cangas, Ribadavia, Carballo, Redondela e incluso a Compostela, esa entelequia que comparte espazo coa catedral.

            Cal foi a túa primera vez? Se non tes resposta é o momento de aparcar a mochila do camiño e andar polas salas e festivais do país. Como di a canción “pecha os ollos e abandónate aos teus soños máis escuros, abandona os prexuízos da túa vida anterior” e se en algo vos temos ofendido non nos rifedes; se nos perdoades, enmendarémonos.