Blog

Europa-Xorda

Publicado na revista Tempos novos . Xullo 2024.

Imaxe de Diego Seixo.

Iso é o que di. Eu inclino a cabeza e non preciso das palabras para facerlle entender que perdín o fío da conversa, “que unha boa matanza non estrague un mal concurso”, remata. E xa chega a explicación coa lembranza dos 375 puntos de Israel nesta Eurovisión. No silencio comunicamos a través de xestos e olladas que igual non é incapacidade de ouvir, que, igual non é tan xordo o xordo coma quen non quere escoitar. Como quen mira para o outro lado, coma quen opta, ante o ruído, por berrar máis forte convencido de que a única vontade é a súa, que a única razón é a súa, que o único camiño é o que el defende, pase por onde pase. Esas persoas que observan imaxes motivacionais nas que un banco de peixes azulados nadan contra a esquerda e un, dourado, viaxa a contracorrente e pensan… velaí o héroe, eu son o heroe, a Rosa Parks, o que pasa é que os demais non entenden canta razón levo e como a miña loita é significativa e vai cambiar o mundo.

Europa está xorda porque elixe non escoitar, e non ler, e non mirar e incluso non falar do problema. Europa virou en tres macaquiños que non viron Star Treck, porque se o tivesen visto, lembrarían aquel episodio no que na Enterprise se representan un xuízo e investigación arredor dunha confabulación de espionaxe a favor dos Romulanos (raza en guerra coa Federación) e a bordo da nave executa a pesquisa un alto cargo lexislativo retirado quen, como ben di Picard, autoconvencida da rectitude dos seus valores, converte a convivencia e o progreso diplomático en medo ao descoñecido. Pero claro, iso é ciencia ficción e probablemente non estea a falar da realidade, porque a ciencia ficción, xa o di a palabra, é un construto. 

De feito no mundo real estamos tan xordos que respiramos profundamente cando “non escoitamos” aos compañeiros de laburo enunciar teorías terraplanistas e antivacinas, consignas contra a igualdade, ladaíñas emponzoñadas “ti sabes que tamén hai mulleres que matan ás súas parellas?”, afirmacións indiscutibles como “pois tampouco é tan ultradereita “Se acabó la fiesta”, é só unha persoa que fala do que pensa, tampouco está tan lonxe da realidade o que di, non? Tampouco é tan tolo!”. Calamos e miramos para outro lado sentindo na víscera que esas palabras non saen de persoas anónimas a quen lles podemos colgar o sanbenito da maldade, da ignorancia, do descoñecemento da empatía. Son quen xanta á mesa con nós, quen toma as cañas con nós, quen vai de viaxe con nós, quen comparte a inquedanza e a dor na antesala do SERGAS con nós.

Son as mesmas que escoitan e deixan falar alto a quen di “más muros y menos moros” e ao mesmo tempo danlle a razón ao Conselleiro de Cultura da Comunidade de Madrid cando decide sobre as actuacións nos Teatros del Canal porque, citamos, “el é o xefe”. Son os mesmos que non pensan grave que o Arts Council do Reino Unido veña de actualizar en febreiro a súa normativa avisando que as achegas “demasiado políticas ou activistas” serán reprendidas, obrigando a que as autoras e autores de Cutting the Tightrope, unha serie de micropezas teatrais arredor do conflito en Gaza, permanezan no anonimato, por temor ao que poida pasar.

O ruído vai coas noces, e nos aquí, ante o Spotify sen decidir que se Wagner ou Beethoven, nin sequera nos decatamos de que perdemos a voz e de que só un deles era xordo.