Publicado na revista Tempos novos . Maio 2024.
Imaxe de Diego Seixo.
A fórmula química da auga inclúe dous átomos de hidróxeno e un de osíxeno. Auga pura, que non ten que ver co que coñecemos como auga doce. Auga que, de entrada, non sería unha boa idea beber, mais auga que mantén eses tres preceptos cos que definimos o líquido elemento: incolora, inodora, insípida.
Auga totalmente diferente á mineral, ou á das augas termais que, grazas ao seu altísimo poder disolvente, non só resulta extraordinaria para a saúde, tamén para a explotación do negocio da saúde e dos autocoidados.
En 1882 Henrick Ibsen publica Un enemigo do pobo, unha peza dramatúrxica na que un balneario é a principal atracción turística e motor económico da vila onde reside o Dr. Stockmann. O bo doutor descobre que nesa auga existe unha bacteria contaminante que pode poñer en perigo a saúde da cidadanía e, dadas as súas fortes conviccións e ética exemplar, remata enfrontándose aos medios de comunicación, aos amigos e incluso ao seu propio irmán, o alcalde da vila, defendendo os seus principios.
Máis de cen anos despois Talía teatro produce un espectáculo adaptado desde esta achega de Ibsen. Nunha inimiga do pobo o Dr Stockmann é unha doutora, unha muller embarazada que hai pouco volveu, coa súa parella, da inmigración para asentarse na súa vila natal, lugar onde, ela recoñece, se vive moito mellor. O lugar idóneo para sacar adiante a nova vida que fica mergullada no seu interior en líquido amniótico, que tampouco é insípido. Os paralelismos coa obra de Ibsen son os que teñen que ser: o seu irmán tamén será o alcalde e a súa relación coa prensa, ao comezo da obra, impecable. Pouco a pouco a descuberta de elementos contaminantes na auga vai facendo que a vida persoal da doutora vire en guerra aberta por defender a verdade. Contra ela empregaranse todos os elementos disuasorios do século XXI: o descrédito, a creación de “verdades alternativas”, os estudos de “laboratorios independentes” financiados polas empresas contaminantes, a presión política, a manipulación emocional facéndoa responsable do debacle económico ao que se vai encarar a vila cando, ao non abrir o balneario, os veciños que investiron todos os aforros na xentrificación do lugar fiquen en banca rota… Unha historia demasiado actual de hai máis de cen anos.
Que pasaría, logo, se esta verdade coa que nos abren os ollos servise para ilustrar as accións dunha empresa que oferta cursos de formación para a mocidade da comarca do Ulloa? Que pasaría se a auga, polo de agora, non estivese contaminada pero fose a estalo? Que pasaría se a través dos medios de comunicación se falase do rexeitamento dos veciños e veciñas como actos de violencia cando se levaron a cabo a través de coplas e demada de información totalmente lexítima? Que pasaría se un proxecto anovador fose realmente unha celulosa encuberta? Que pasaría se xa estivésemos avisados? Poderíamos rexeitar a ameaza incolora e insípida só coas nosas vontades? Poderíamos erradicala antes de ter que bebela?
A auga destilada é un poderosísimo disolvente. Inxerida pasará á procura das sales minerais creando desequilibrios no tecido óseo, articulacións e médula. Por sorte temos o teatro para saber que non toda transparencia, veña de Altri ou dos balnearios, é inócua.