Publicado na revista Tempos novos . Decembro 2025.
Imaxe de Diego Seixo
Por fuciños, por cacheiras! Fomos e xa non somos, somos do clube de Defende a Galega, por fuciños e tamén por chacheiras e porque non queda outra, e porque xa non prendemos a galega nin para ver se, por fin, repoñen Mareas Vivas e Currás é quen de cobrar o que cumpre que reciba polo vil atropelo das súas fermosísimas pitas perpetrado por un Luís Tosar tan novo que parece irreal.
Seica a TVG, con esa “v” que todos vimos gavota, realizou a súa primeira emisión ás 19:30 do 24 de xullo de 1985 cos actos en directo do Día do Apóstolo (imaxino que cargados de gaiteiros) e o 25 emitiu a primeira película, a curtametraxe “Mamasunción” de Chano Piñeiro. O 1 de setembro comezou a súa programación regular, con 39 horas de emisión á semana, algo que para a rapazada e as adultas que xa naceron do 2000 adiante é impensable porque a ver que puñan entón nas 129 horas que faltan. O parte e o tempo eran absolutas referenzas e os debuxos animados en galego foron a revolución. Porén, nunca casa galegofalante e galegosentinte, dáse a seguinte situación:
Convocada unha folga pola reivindicación de melloras laborais para os traballadores e traballadoras das escolas públicas (que tamén inclúen, mal que nos pese, ás concertadas, e con todo o dereito do mundo repercute na mellora da educación da rapazada que habita Galiza e na súa formación como persoas autónomas, librepensadoras e capaces de loitar en igualdade de condicións pola súa supervivencia nun mundo, en xeral, hostil polas condicións socioeconómicas) escóitase o seguinte comentario: “Estaba petado de xente, e demos varias voltas á Consellería. Estaba a SER, da Galega nin rastro, por suposto”. A outra adulta á mesa entende, sen dificultade, o comentario, mais as dúas nenas que engulen peitugas rebozadas como se viñesen de labrar as veigas paran a maquinara deglutinadora de xeito case violento, tragan (sen atragoar) e interveñen: “Que é a Galega?”
O tempo detense. A Galega xa non é. Existe unha canle que retransmite 24h semanais e que non é, que non se ten en conta pola maioría das audiencias porque non hai unha oferta, porque non hai un xornalismo malia que as e os xornalista falen acotío da necesidade de que esa visión do rigor e de transmitir o que pasa no noso país, alén da contaxe das festas gastronómicas e a difícil supervivencia da escasísima programación cultural (á que accedemos, para que negalo, a través das redes sociais esquivando calquera contacto incómodo coa programación diaria). As adultas procuran unha referenza que axude a que as rapazas entendan…
“Pois é a televisión de Galicia, pero non está funcionando moi ben. Na nosa época era diferente”. Elas preguntan se había debuxos. Fálaselles de novo do Xabarín Club. Xorden preguntas: Por que non están traducidas as Gerreiras-Pop? Fixeron as Fillas de Cassandra cancións para o Xabarín? Fíxoas Mondra? Non será que quen manda pensa que en galego non se poden contar as verdades e as historias?
A sociolingüística do puré de patacas e o ketchup desarma a argumentación dos supostos adultos. E fican sós, sen fuciños, sen cacheiras e sen armas, mais con certa esperanza de que o vento sexa retornado.