Publicado na revista Tempos novos . Agosto 2024.
Imaxe de Diego Seixo.
Todo o mundo fala do fútbol e a min, non é que non me guste, que algún partido teño visto, mais non lle acabo de ver a emoción. Ás veces si, ás veces cando algún amigo futboleiro me fala dalgún xogador, ou dalgunha xogada… Así si. Considero que, máis que do xogo, son seareira do relato. O que si sempre me fascinou do fútbol, sobre todo do fútbol, é ese sentimento de pertenza e unidade: gañamos. Gañamos todos e todas, incluso quen estivo vendo o partido desde o sofá, sen saber moi ben como habería que xutar o esférico na práctica pero sendo absolutos expertos na teoría. Gañamos. Perderon. A conxugación do relato non acorda na persoa a meirande parte das veces. O fútbol, é así.
Hai outras cousas que tamén son así, de difícil comprensión. Coma esta historia cuxa evidencia documental está recollida na páxina do facebook das ANPAS das escolas de Ames. Resulta que neste concello, que se gaba de ser un lugar agradable para vivirmos as familias con crianzas, acaba de se anunciar unha subida do 20% no prezo do comedor escolar. A cousa non parece excesiva, para certas familias claro, mais esa suba realízase de golpe e, ademais, xustificada en palabras do alcalde (socialista) do seguinte xeito: “os veciños de Ames que non teñen fillos non teñen a obriga de soportar o déficit dos servicios de conciliación”.
Eu non sei se este é o xeito de entender aquilo de “a cada quen segundo as súas necesidades” pero de ser así non lle vexo moito sentido. Por unha banda sopréndeme esta relación inxectiva entre o conxunto “ter fillas e fillos” e “asumir a suba de servizos de conciliación”, si que entendo a relación entre “ter crianzas” e “usar os servizos de conciliación” e, por moita demagoxia coa que aderece a receita, non comprendo como alguén pode ter unha capacidade tan curta de miras para non entender que as crianzas, teríanas os pais e as nais, pero son parte de toda a comunidade. Os servizos de concilia non son “un lugar para aparcar as criaturas” son, xa o di a palabra, servizos. A través da concilicación as familias poden asegurar que os seus fillos e fillas están coidados mentres as unidades parentais (e maternais) traballan ou, e isto é moi importante, procuran un traballo. Porque en Ames tamén a concilia depende de que todos os titores do ou da. menor estean traballando durante o tempo no que se solicita esa concilia, polo que se unha persoa en situación de desemprego pide esa axuda, non será para ter a mañá libre e poder facer o que lle pete, é moi posible que o faga para ver de conseguir un traballo. Sobre todo porque nesta sociedade o de traballar non o facemos por vicio… facémolo por pasta, desenganémonos. Por cartos, money, diñeiro, vil metal, dese que paga o peixe fresco, cando se pode, e o aceite, que a ver cando baixa.
Ademais, quen di que os servizos de concilia teñen que rendar? E cal é o rendemento? Quen coidou deses rapaces do fútbol que tanto gaban agora? Eses que fan que se diga “gañamos”… Coidámolos nós antes? Coidamos o noso futuro coma país agora?
Que fermoso o fútbol. Hai nada aprendín que o pau longo non é o travesaño da portería, porén, na vida real non deixo de levar paus, porque esta actitude a min, socialista, socialista… Pero, en fin, o que importa é o relato. Se hai gol, alguén gaña, só que por moito que o adobíen, non somos nunca nosoutras.