Feminismos

A historia cóntana as vencedoras.

A historia cóntana as vencedoras é un libro para entender dun xeito ameno e cercano a loita das mulleres por conseguir un mundo onde a igualdade sexa a norma e non a excepción. Unha historia do feminismo que nos explica que un universo en igualdade é unha realidade boa para todas e para todos. A autora detense, tamén, no feminismo galego, vangarda, en moitos sentidos, da loita polo empoderamento da muller no resto de España. A historia cóntana as vencedoras. E hoxe é tempo de celebrar a vitoria da igualdade. Un desexo e un horizonte necesario.

Os bicos feridos

Ninguén fai unha carreira para limpar inodoros.

Olivia, despois dun expediente brillante ten que marchar de Compostela e instalarse en Londres onde atopa traballo de au pair nunha familia de clase media. Sempre lle dixeron que lle iría ben se se esforzaba, se estudaba unha carreira de ciencias, se seguía as regras establecidas e agora sente que o que lle ensinaron é unha grande estafa tanto no eido laboral como no persoal. O móbil e as redes sociais conéctana coa súa vida anterior, mentres se perde nunha cidade de oito millóns de persoas, soa, cun coñecemento precario de inglés e limpando unha casa e un laboratorio, en lugar de traballar nel.

Unha novela da vida que nos di que un simple aceno pode desencadear unha metamorfose. E que pasa cando isto sucede?

I Premio Certame Viadutos de Novela. Concello de Redondela (2018)