Blog

Blue Monday

Imaxe de Diego Seixo.

Publicado en Tempos Novos, febreiro 2022.

Alguén polo 2005 pensou que se existía un Black Friday ben podiamos ter un Blue Monday. Conste que os luns xa traían mala prensa de antes desde que T-Bone Walker os convertera en días tormentosos desde o blues, e o blues, ben sabemos, é azul e triste. Así que se hai un día para sermos desgraciadas, mellor que sexa un luns que un mércores.

                Lonxe do son elegante das trompetas e a melancolía dos acordes menores do piano, o día máis triste do mundo é un truco de fume e espellos ideado por unha axencia de viaxes para nos lembrar que non gastar cartos fainos infelices. E funciona porque a empresa desenvolveu unha ecuación que o demostra e porque sae en todos os mass media. Así o 17 de xaneiro seica foi o peor día do 2022. O único bo é que a partir de aquí, aplicando a lóxica, só nos queda mellorar.

                O panorama pinta ben, a costa de xaneiro xa a temos superada grazas as rebaixas online que reduciron o risco de contaxio no comercio local, a reforma do goberno finiquitou o tema da precariedade laboral e da conciliación familiar, as témporas predín un verán solleiro no que o cambio climático non existe, a enerxía nuclear pode ser verde e a pandemia practicamente está controlada porque tampouco é para tanto. Todo grazas a ecuacións e a que estamos dispostas a crer calquera milonga que nos asegure que non facendo nada o estamos a facer ben. Que non podemos controlar o devir dos acontecementos.

                A famosa fórmula da desventura universal non é outra cousa ca unha división que ten que dar menos de 400. Se baixan de 400 están deprimidísimas, o que nos bares chamamos “tocar fondo”. Así que de agora en diante, visto que por fin imos darlle importancia á saúde mental, propoño que se mire nas analíticas do SERGAS coma se mira o colesterol, o azucre ou os triglicéridos.

                Claro que iso só poderá ser posible se conseguen vostedes unha cita coa médica de cabeceira e iso pode ir para largo. Porque as universidades non fan máis que botar médicas e enfermeiros para o estranxeiro e despois non temos na casa… O que temos son consultas sen titular que deixan a 2500 veciños sen atención primaria, profesionais sanitarios que atenden unha media de 80-100 doentes ao día ou un corpo de enfermeiras que poden sumar máis contratos ao ano que luns nunha volta ao sol; e non pensen que de tanta viaxe a división a elas lles dá por riba dos 400! O que non temos son solucións, nin resposta desde o goberno autonómico e iso é moito máis triste ca un luns de xaneiro.

                Polo tanto, é de recibo aclarar que o verdadeiro “Blue Monday” asinouse en 1983, un ano antes do de Orwell. Comeza cunha base rítmica en batería electrónica recoñecible para calquera fan dos New Order. O primeiro verso di “how does it feel? To treat me like you do” e malia todo non é unha melodía triste.

                A verdadeira traxedia non reside nos luns tristes, nin na nova orde, pero si na falta de empatía e no exceso de  verdades inventadas. Na falta de movemento. Na desidia a non ser nós propias quen interpretemos a partitura e convertamos os luns azuis en mércores post-punk ou, se son máis de Chesterton, xoves gris marengo.

.