Blog

461871297_1096263319169984_8462568081021930107_n

Publicado na revista Tempos novos . Outubro 2024.

Imaxe de Diego Seixo.

Hai xente que pasa a vida enteira dialogando coa arte. En Galiza temos uns cantos, non moitos, e unhas cantas, non moitas. En xeral, non moi recoñecidas.

O compromiso coa creación e coa arte vai alén dos contratos hipotecarios, fíxense ben no que lles estou a dicir. Non existe aval, para empezar, non se mira canto se pode perder en cada empresa artística e sempre se xoga o todo polo todo. Todo ao vermello. Non, mellor dito, todo ao verde.

O compromiso coa creación artística é un xeito de vida, e hai que facer que aquele con outros xeitos de sobrevivir. Por exemplo, hai quen se adicou á arte desde a comodidade dunha posición económica privilexiada, podendo empregar tempos e espazos para mellorar e crear do seu oficio un verdadeiro estamento profesional. Hai quen o fixo pasando penurias, quen marchou por Europa e deixou que Europa viaxase por el, quen aprehendeu das correntes creadoras e creativas do momento e trouxo, a este pequeno país, a promesa de crear un lugar onde se puidese reflectir o mesmo sentimento e o diálogo coas formas e cos significados que soñara e elaborara noutros lugares.

Hai xente que di que a arte ten ese punto. crítico e revolucionario que non ten ningunha outra disciplina, nin sequera a política. Que a irreverencia do proceso artístico, o máis esixente dos labores de creación, nace da única resposta posible ante unha situación de estabilidade social, sexa cal sexa o condicionante, nace para sacudirnos as vontades. 

Hai quen di que a arte só pode ser territorio de quen ten asegurado o pan, e quen di que quen ten asegurado o pan endexamais saberá a que sabe a fame da auténtica creadora. 

Hai quen aínda considera o oficio artesán coma un entretemento e non como unha necesidade de se comunicar, de seren quen desexaron ser. Sobre todo hai moito talento que morre ante as necesidades do cotiá e hai quen decide que lugar debe ou quere ocupar no mundo e adapta a súa realidade á execución do seu potencial. A esta xente, outras chámanlles soñadores. Nós non. Nós somos máis cautas e sabemos que esta tripla personalidade, que este matrimonio sen volta atrás co oficio artístico non é soño, é compromiso e unha incesante travesía no inferno do síndrome da impostora.

Hai quen di que podemos ser o que nos pete. Quen fala dese xeito chámalle arte a esa pantasma da creación que xa non acepta ser parte da revolución e desenvólvese en versións light que non molestan e non desafían, que non falan desde a víscera. Quen así postula, aínda lle baila as grazas ao goberno e non recoñece que calquera pode estudar un ciclo de FP básica pero que para moita rapazada cursar o bacharelato pasa por erguerse ás seis da mañá, coller dous autobuses e pedir un permiso especial para saír antes do instituto e non chegar á casa pasadas as sete da tarde. Que non se pode optar a todo en igualdade de condicións.  Nin sequera ao dereito a aprender.

Hai quen confunde artistas con persoas apadriñadas. Adoitan dar o perfil de quen na básica sempre pensou que Kandinsky era un adestrador de cans e Cartier-Bresson unha marca de reloxos. 

E tamén hai, por sorte, artesáns, rebeldes e comprometidos, incrédulos, cansos, ás veces, incapaces de soltar o pensamento e afogalo na mediocridade. E iso é de agradecer.